A Xunta fixo balance da súa actividade recente a prol do noso tecido produtivo marisqueiro. Segundo fixo saber este martes 17 de setembro a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, o Goberno galego “leva postos a disposición de sector máis de 50 millóns de euros para o desenvolvemento de medidas de apoio aos profesionais afectados pola paralización da actividade extractiva, en medidas de apoio á conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños e á mellora das zonas de produción”.
A directora xeral sinalou que “a situación actual débese a un acontecemento excepcional e sen precedentes no marco dunha evolución cíclica e decenal da produción de moluscos bivalvos en Galicia na que se sitúan os rexistros máximos e mínimos segundo a serie histórica dispoñíbel no Portal de Pesca de Galicia”. Seguindo este fío, explicou que o Goberno galego, co “obxectivo de facer máis resiliente ao sector fronte a estes ciclo”s, reforzou os recursos destinados a proxectos de investigación mariña superando os 4 millóns de euros.
Nesta liña, esbozou as distintas liñas de traballo que se está abordando desde organismos como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) ou na plataforma Redemar, “ferramenta pioneira de colaboración entre os centros científicos e o sector”. Un labor, dixo a directora xeral, “na que tamén participan as universidades galegas e que están axudando a avanzar na optimización e mellora do proceso de obtención de semente, na obtención de estirpes resistentes aos cambios ambientais e a enfermidades que condicionan a súa viabilidade ou no estudo do estados dos bancos marisqueiros e os factores que inflúen na súa produtividade”.
A directora xeral defendeu o Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, deseñado xunto ao sector, “como instrumento eficaz para dar resposta ás necesidades dos profesionais e abordar a rexeneración dos bancos marisqueiros”. Destacou que se trata “dun documento vivo que conta coa flexibilidade precisa para adaptarse ás circunstancias de cada momento e á información científica dispoñíbel”.
Engadiu que “hai variábeis como os cambios no clima, a temperatura da auga ou a salinidade teñen efectos directos no ecosistema e a dispoñibilidade de nutrientes aos que sumou a interacción entre depredadores e competidores que teñen un impacto directo no equilibrio ecolóxico do banco”.