Máis de 800 persoas voluntarias recollen case 8 toneladas de lixo na XVII Limpeza Simultánea de Ríos (con limpezas no Te e máis no Tins)

30 Setembro 2024

Un ano máis, ADEGA e Proxecto Ríos conseguiron mobilizar centos de persoas no marco da XVII Limpeza Simultánea de Ríos, que se celebrou este domingo, 29 de outubro. Grandes grupos e outros máis cativos, rapazada nova e persoas máis maiores, xuntáronse nunha das grandes xornadas de voluntariado ambiental do país cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar a sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 56 concellos de toda Galiza, incluídos, polo Barbanza, Rianxo e Outes. No río Te os traballos foron levados a cabo pola Asociación de Veciños do Araño en colaboración co Concello e no caso do río Tins (Outes) participaron os integrantes e impulsores de Renatur_Outes.

As limpezas foron coordinadas pola organización ecoloxista ADEGA e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino. Foron, en total, máis de 70 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que xuntou 800 persoas e na que se recolleron case 8 toneladas de lixo. Moitas destas entidades son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2024, o que evidencia o éxito das actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.

Ao longo das 17 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, ADEGA e Proxecto Ríos puideron observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, “pero as cantidades recollidas seguen sendo preocupantes”, explicou a asociación, engadindo que o voluntariado atopou refugallos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos… Tamén apareceron rodas, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, sinais de tráfico, pezas das torres de alta tensión, uralitas, roupa, calzado, etc.

As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia, xunto coas compresas e tampóns, e mesmo máscaras. A organización ecoloxista ADEGA fai un chamamento a “reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles”. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminan os cursos fluviais e ribeiras.

No reconto final, ADEGA calcula que os residuos recollidos nos 56 concellos de actuación suman case 8 toneladas de lixo. Con todo, a organización lembra que “o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos”. Ademais, ADEGA insiste en que “voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación dos nosos ríos mude”.

Por último, ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 800 persoas mobilizadas demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.

Para esta actividade, ADEGA e Proxecto Ríos contaron coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Cangas do Morrazo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Miño, Moaña, Narón, Nigrán, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Compostela, Soutomaior, Tomiño e Verín.

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada por Augas de Galiza, Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Outros artigos

Venres de transición nas Rías Baixas e Compostela

Ceo presentará nubes de tipo alto que non impedirán o paso do sol e nubes de evolución Galicia encara este venres 8, San Caetano, baixo unha atmosfera pouco definida que deixará sentir os seus contrastes máis acusados no eixe que conecta a capital galega coa liña...

+

A Regata Rías Baixas fará escala na Pobra o vindeiro 14 de agosto

A Pobra do Caramiñal acolleu este xoves a presentación da etapa da Regata Rías Baixas, que terá como destino a vila o vindeiro venres 14 de agosto, procedente de Portonovo. Trátase dunha das citas máis destacadas do calendario náutico galego, que reunirá na localidade...

+

Poñendo en valor os nosos máis de 2.500 km de costa

A Xunta impulsa o Camiño do Litoral cunha ruta única de norte a sur Alfonso Rueda xunto a un dos sinais identificativos da ruta Galicia conta desde esta tempada estival cun novo proxecto que permitirá a veciños e visitantes desfrutar ao máximo da súa costa ao tempo...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.