As Xornadas Europeas do Patrimonio inclúen visitas guiadas aos castros de Neixón, Cidá e Baroña

25 Setembro 2024

A provincia da Coruña acollerá entre o 1 e o 6 de outubro diferentes actividades no marco da celebración dos Días Europeos do Patrimonio. Visitas guiadas, contos, música, xogos, astronomía e rutas nocturnas completan o programa da primeira edición de XEPDAC, as Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación. “Este ano unímonos á acción cultural conxunta dos 50 estados asinantes da convención cultural europea para poñer en valor todo o patrimonio” sinalou o deputado de contratación e patrimonio, Xosé Penas. “Será a primeira vez que nos 200 anos de historia desta institución formemos parte deste gran proxecto común”, engadiu.

A axenda inclúe actividades en Boiro, en Porto do Son e en Ribeira. Trátase dun roteiro para coñecer os castros máis relevantes da nosa contorna: Neixón, Cidá e Baroña.

Este ano, o lema deste evento internacional, impulsado conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa, é as Rutas, redes e conexións. O marco da rede de patrimonio da Deputación e os proxectos de Parques Arqueolóxicos serán as patas principais dunha celebración que durante toda semana se distribuirá xeograficamente por toda a provincia.

Visitas guiadas ao patrimonio provincial
O programa comeza simbolicamente o martes 1 de outubro no Pazo Provincial da Coruña, abrindo as súas portas ao público con visitas guiadas durante toda a mañá e tarde (11, 12, 13, 17, 18 e 19h.) Poderase descubrir a súa historia desde a súa orixe como hotel, os segredos que agocha, incluída a súa terraza con magníficas vistas sobre a cidade. A visita inclúe un percorrido polo Teatro Colón.

O mércores e o xoves haberá actividades destinadas ao alumnado local, para que gocen unha mañá do seu patrimonio, ao tempo que aprenden sobre a súa propia historia. O mércores 2, as Torres de Altamira (Brión) acollen o espectáculo de Brais das Hortas Contos para Caghar Patatillas; e o xoves 3 os Batáns e Muíños do Mosquetín (Vimianzo) serán lugar para descubrir novos xeitos de divertirse coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Actividades nos parques arqueolóxicos impulsados pola Deputación

A fin de semana estará centrada en descubrir os tres parques arqueolóxicos que está a impulsar a Deputación en diferentes comarcas galegas.

O venres, visitaranse tres estacións emblemáticas do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre: o Castriño de Conxo (Santiago de Compostela) ás 13 e ás 17h, e unha ruta nocturna especial ás 21h aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo (Ames) co Colectivo A Rula, unha asociación referente na defensa destes gravados prehistóricos.

O sábado 5 será a quenda do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, coa visita a tres antas destacadas de cada comarca: Dombate (Cabana de Bergantiños) ás 11 e 12h; Pedra da Arca (Vimianzo/Dumbría) ás 13 e 17h e a Mina da Parxubeira (Mazaricos) ás 18 e 19h.

O terceiro parque a descubrir será o da Idade do Ferro, no Barbanza. Haberá visitas guiadas aos castros de Neixón (Boiro) ás 11 e 13h; Baroña (Porto do Son) ás 12 e 18h e A Cidá (Ribeira) ás 17 e 19h.

Contemplación nocturna no mosteiro de Caaveiro

Por outra banda, unha actividade excepcional será a da noite do sábado 5 cunha contemplación nocturna do ceo no corazón das Fragas do Eume, no mosteiro de Caaveiro, un lugar sen apenas contaminación luminosa. Como en todas as actividades, esta Noite de astronomía require de reserva previa.

A asistencia ás diferentes actividades é gratuíta e require de reserva previa, a través da web dacoruna.gal/patrimonio. As reservas abriranse a partir deste xoves 26 de setembro ás 17h.

Outros artigos

O PIE dos concellos do Sar-Ulla logra unha inserción laboral do 38%

Os alcaldes de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Catoira e Valga participaron este venres no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego Dodro 2025-2026, no que un cento de persoas desempregadas dos ditos termos municipais recibiron durante nove meses...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.