A RAG e a Secretaría da Lingua concluirán a xira Toponimízate na Illa de Arousa e en Boiro

30 Setembro 2024

Coñecer de onde ves, saber máis sobre o lugar no que vives, o significado do seu nome, estes son os eixes da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra ideada pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Secretaría da Lingua e que pechará periplo o vindeiro mes de novembro no concello de Boiro (o venres 8 de novembro ás 20h no Centro Social da vila boirense), tras tres paradas previas en Barro (venres 27 de setembro ás 20h no salón de plenos da Casa do Concello), A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12h no salón da Cooperativa do Pemento) e A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11h no salón de plenos da Casa do Concello).

As persoas asistentes a estas sesións terán oportunidade de aprender a empregar a aplicación Galicia Nomeada, que permite á veciñanza participar na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

As charlas serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia, que organiza esta campaña coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua. As sesións contan coa colaboración na parte etimolóxica do académico de número Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo.

Salientar que a finalidade destas charlas Toponimízate é involucrar novos colaboradores que se sumen á plataforma Galicia Nomeada. Dela xa forman parte máis de 3.700 usuarios e usuarias que, desde finais de 2019, recuperaron case 82.000 topónimos.

Os doce municipios elixidos para a xira 2024 (Cualedro, Vilar de Santos, Camariñas, Tordoia, Abadín, Antas de Ulla, Salceda de Caselas, Láncara, Barro, A Arnoia, A Illa de Arousa e Boiro teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller; e contaren ata o momento con moi poucos colaboradores dados de alta na plataforma Galicia Nomeada, xestionada polo Seminario de Onomástica da RAG.

Dende a primeira edición de Toponimízate en 2017, máis de 5.000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou o filólogo da RAG encargado de impartilas.

Toponimízate estivo presente ata o momento en máis de 80 concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística. Tamén ofreceu sesións na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); a Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; o Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas; así como en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Ortigueira e Mondego en Sada), nunhas sesións estas últimas que pretenderon demostrarlles ás persoas de máis idade a importancia do seu papel, como transmisores, na preservación do patrimonio toponímico.

Presentación da xira de Toponimízate que conclúe en novembro en Boiro

Outros artigos

Domingo 13, sol e temperatura alta

Durante o domingo agárdanse néboas matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos despexados na metade oeste. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un moderado ascenso ehgando ós 25-27 graos. Os ventos...

+

Dous feridos nun accidente de tráfico en Aguiño

Unha condutora e unha ocupante dun turismo Nissan resultaron feridas tras unha colisión frontolateral na estrada DP-7305, á altura de Aguiño. O accidente, no que tamén estivo implicado un vehículo Fiat, provocou que ambos os automóbiles envorcasen e terminasen en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión