
A Policía Local de Ribeira vai emprender unha campaña especial de calmado de tráfico co obxectivo de “mellorar a seguridade viaria nas contornas escolares e naquelas zonas onde se detectaron reiterados excesos de velocidade”. A campaña levarase a cabo dende o 24 de setembro e implicará a realización de controis de velocidade en áreas de “especial protección” onde se observou un maior risco tales como
zonas próximas a centros educativos e outros puntos da cidade que presentan un alto índice de infraccións por exceso de velocidade.
O obxectivo principal desta iniciativa é triplo: salvar vidas, evitar atropelos e reducir o risco de accidentes para protexer tanto aos peóns como aos condutores. A maiores, búscase avanzar na calidade de vida dos viandantes e unha maior sustentabilidade no tráfico (a menor velocidade, menor contaminación).
Para iso, a Policía Local empregará dispositivos de control para detectar os incumprimentos dos límites establecidos. O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, informou que esta campaña ponse en marcha logo de escoitar
as anpas e a comunidade escolar e tamén á veciñanza dalgunhas parroquias que pedía calmar o tráfico. “Focalizaremos a campaña nas zonas do municipio onde existen excesos de velocidade continuos no tempo e nas zonas de colexios e institutos para reforzar a seguridade da rapazada no seu traxecto cara as escolas para que sexan camiños seguros”.
Desde o Concello de Ribeira fíxose un chamamento á colaboración cidadá, lembrando a importancia de respectar as normas de circulación, especialmente nas zonas sinalizadas e de alta concorrencia. “A seguridade viaria é responsabilidade colectiva, e esta campaña busca xerar unha maior concienciación entre condutores/as para evitar comportamentos perigosos”, explicou o rexedor.
A Policía Local continuará traballando para garantir a seguridade nas nosas rúas e manterase alerta na vixilancia das zonas máis sensíbeis durante todo o período desta campaña.



