A Asociación de Nais e Pais (ANPA) “Os Gudiños” convocou á comunidade educativa do CEIP ADR Castelao e aos veciños de Rianxo a participar na “Pandereitada pola nosa rapazada”, un acto de protesta que se celebrará este, mércores, a partir das oito e media da tarde no patio do colexio.
O obxectivo desta protesta é reclamar á Administración o desdobre dos cursos de terceiro e cuarto de Educación Primaria, xa que, de non tomarse medidas, habería clases con máis de 26 alumnos, incluídos nenos con necesidades específicas de apoio educativo. Os organizadores consideran que esta situación afectaría negativamente á calidade do ensino.
Ademais, a protesta tamén busca esixir a cobertura da praza de mestra de Pedagoxía Terapéutica (PT), actualmente vacante por unha comisión de servizos. Desde o ANPA destacan que o número de alumnos que require atención especializada aumentou significativamente nos últimos anos, facendo imprescindible a presenza deste profesional no centro.
Os organizadores convidan os asistentes a acudir con “pandeiretas, pandeiros, gaitas e cunchas” para facer oír as súas demandas #ante a Administración.
Esta manifestación súmase a outras protestas organizadas polas ANPAS de diferentes colexios de Rianxo. O pasado 15 de agosto, todas as asociacións de pais e nais do municipio uníronse nunha marcha para denunciar a falta de persoal na maioría dos centros educativos.




