O partido ultradereitista VOX leva dúas lexislaturas estatais e outras tantas autonómicas e municipais presentando candidaturas electorais en Galicia e, ata o de agora, só acadou unha concelleira nun municipio galego: Lilian Cerdeira, na localidade ourensá de Avión, de algo menos de 2.000 habitantes. Non ten VOX outra representación en institucions oficiais: nen no Congreso, o Senado, a comunidade autonoma ou as deputacións galegas figura un membro do partido presidido por Santiago Abascal, malia ter falado este de vínculos familiares con Galicia.
E non é porque non o intentase. Pero os galegos negan, convocatoria tras convocatoria electoral, un escano máis do obtido en Avión, terra de moitos migrantes a México.
Tal vez sexa este o fundamento base dos galegos para non lle outorgar a VOX votos dabondo para poder facerse con representación máis aló do escano acadado en Avión. Porque en Galicia sabemos o leite que da abandonar a casa e a familia para ser un emigrante en América ou Europa, continentes nos que a emigración galega se concentra dende finais do século XIX.
De Euskadi e Canarias saíron tamén moitos españois, pero nunca tantos como dende Galicia, comunidade esta que tiña en Argentina, nomeadamente en Buenos Aires, a súa quinta provincia.
Malia a antigüidade do termo, nunca “guiri” denominamos os galegos aos estranxeiros e, menos aínda, “menas” aos menores de idade que chegaban aquí sen a compaña don maior emigrante. Porque o cualificativo de “mena” que VOX emprega para sinalar aos menores estranxeiros non acompañados, aos que culpan de delinquir en todas as súas múltiples versións, é rexeitado clarísimamente polos galegos, que non podemos esquecer que milleiros dos nosos antergos -moitos deles analfabetos- foron como estes “menas” en países que os acolleron sen lles preguntar por que emigraban.
Os “menas” que VOX non quere son rapaces menores de 18 anos que chegan a este país sen un adulto que os acompañe ou se responsabilice deles. Proceden, maioritariamente, de Marrocos, Alxeria e Senegal, aínda que tamén da África Subsahariana e mesmo Oriente Medio.
A pobreza, a falta de espectativas sobre un futuro digno, a desestruturación familiar ou circunstancias coma as guerras, estados de violencia ou violacións dos dereitos humanos nos seus países de orixe son en grande medida os motivos que os obrigan
a sair deles.
Canarias é a comunidade autónoma con maior número en acollida destes menores que VOX rexeita. En España hai hoxe en día máis de 9.000 menores estranxeiros non acompañados, e un total de 1.219 centros de acollida (con cifras de decembro de 2.020).
Pode ser esta a explicación real de por que en Galicia VOX non ten unha voz propia?.



