O folclore galego será un dos grandes protagonistas das festas do Carme do Castelo, na Pobra

04 Xullo 2024

O gran período de festas arranca na Pobra do Caramiñal co Carme do Castelo, do día 19 ao 21 de xullo: tres días de celebración cun nutrido cartel que destaca pola forte presenza do folclore galego.

No acto de presentación, celebrado este xoves 4 de xullo pola mañá, participou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen manifestou que “se hai algo que caracteriza A Pobra é a cantidade de festexos en que se mergulla durante o verán; todos eles cunha programación diferenciada acorde coa súa idiosincrasia”. Desta volta, dixo, o Concello e a comisión do Carme do Castelo “traemos unha axenda plural, na cal converxen a vertente cultural, lúdica e relixiosa”. Ademais, engadiu, “a música e o baile tradicional ocuparán un lugar primordial na oferta de actividades”. Durante a súa intervención, a edil tamén remarcou que “a Administración local seguirá apoiando no ámbito económico e loxístico cada unha das festas.”

Pola parte da comisión de festas asistiron o seu presidente, José María Abuín, e outras persoas integrantes desta: Juan Manuel Fernández, Mari Carmen Miranda, Antón Ferreiro, Juan Ramón Maneiro, Lola Olveira e Sara Boo. O presidente quixo expresar o agradecemento á xente, ás empresas colaboradoras e á Administración local pola súa implicación para sacar adiante este evento.

Vinte e unha bombas de palenque anunciarán ás 12.00 horas do venres 19 o inicio dunha intensa fin de semana. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, tocará asistir na Covecha á sardiñada e foliada para, ás 22.30 horas, desprazarse ata o adro da igrexa do Castelo para desfrutar de Barahúnda.

O sábado 20 espertará, novamente, con bombas de palenque, ás 10.00 horas. A música encherá cada recuncho do municipio coas alboradas polas parroquias cos grupos Os Caraveiros, Arrancadeira, Xiada e Arghalleiros e pasarrúas a cargo da Banda de Música A Lira de Ribadavia, a partir das 10.30 horas todos eles. Cara ao mediodía, Arrancadeira levará a música e o baile tradicional ás prazas da vila, ás 12.30 horas, e a Banda de Música A Lira de Ribadavia ofrecerá dúas sesións nos Xardíns de Valle-Inclán: ás 13.00 e ás 21.00 horas. A noite estará protagonizada polo VIII Festival Folk con Treixadura, Rianxeiras da Covecha e A Requinta da Laxeira. O epicentro será a praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas.

A localidade despedirase destes festexos no domingo 21. As bombas de palenque e as alboradas soarán dende ben cedo, ás 10.00 horas. Arrancadeira, Os Caraveiros, Xiada, Arghalleiros, Trécola e Pequenos do Barbansa levarán o ritmo ás parroquias nesta derradeira xornada. E a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra será quen asuma a ruada (pasarrúas), ademais de dar un concerto, ás 13.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán. Pero este día non destaca só pola compoñente musical, senón tamén pola relixiosa, coa misa solemne e a procesión marítima na honra da Virxe do Carme, ás 19.00 horas. A cerimonia oficiarase na igrexa parroquial de Santiago da Pobra do Deán, cantada polo coro parroquial, para despois saír a imaxe nunha travesía polas augas da ría da Arousa co acompañamento de Xiada, Arrancadeira e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra. Porase á disposición tres catamaráns e farase a ofrenda floral por tódalas persoas falecidas no mar. O ritmo da noite virá marcado, primeiro, pola Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, no Cantón da Leña, ás 22.00, para lle dar paso, ás 23.00 horas, ao concerto de Leite con Jalletas e á sesión DJ de Tito Maverick, na praza Alcalde Segundo Durán.

A novena celebrarase no referido templo do día 12 ao 20 de xullo, ás 19.30 horas.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...