A organización do festival de narración oral Atlántica fixo balance da nova edición (a 12) do certame, logo de nove días de actividade, achegando unha valoración moi positiva da repercusión obtida. Segundo explicaron, este encontro exclusivo de narración oral confirmouse como “o máis importante destas características na península ibérica”, cun total de 10.022 espectadores nas 102 funcións de 55 espectáculos diferentes que 51 artistas levaron a 25 concellos de toda Galicia (incluídos Ribeira, A Pobra, Outes e Dodro) e 5 freguesías da Serra do Xurés.
Desde a organización salientaron a consolidación da colaboración con Portugal grazas á coordinación coa Asociación polo Rural Vivo en sete sedes. Tamén destacan o papel de Santiago de Compostela, sede principal, como a “capital cultural” máis rural, con actividades por parroquias e barrios da cidade. Outro aspecto favorable foron as boas condiciones meteorolóxicas que permitiron ao público, preto de 10.000 persoas, participar con ledicia de todas as actividades, acadando cifras importantes nun evento de espectáculos de moi pequeno formato.
Foi, ademais, “unha edición marcada polo aumento da participación e pola madurez do seu público”. Así, constatouse que Atlántica ten “un público diverso en idade, xénero e intereses que acolleu con entusiasmo propostas dispares”, dende o escura e desgarrada versión da literatura de Rulfo de Jaime Santos de La Chana Teatro, aos contos tradicionais portugueses acompañados da magnífica voz de soprano de Estefânia Surreira, pasando pola lírica poética de Su Garrido Pombo, a potencia dos contos de Paula Carballeira, a sensualidade dos relatos do xaponés Yoshi Hioki e a mestría do ribeirense Quico Cadaval e de Candido Pazó, Celso F. Sanmartín e Don Guti. E como alicerce, as voces consolidadas do país: Vero Rilo, Cris de Caldas, Atenea García, María da Pontragha ou Dani Blanco, entre outras.
A organización tamén salientou que o público rompeu a barreira de xénero en canto a propostas de artistas femininas para adulto: “Elas cantaron, bailaron, contaron e a platea, logo de anos de programar de xeito igualitario, respondeu enchendo os espazos”.

A coordinación cos diferentes campamentos de verán encheu ás programacións para público infantil e familiar que contou con obras como a sorprendente Blancanieves, premio Max 2023 ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, ás historias ecoloxistas de Inma Soto e Anxo Moure, o novo espectáculo de Pablísimo e as incorporacións de Inacio Vilariño e Alba Bermúdez á nómina de artistas habituais de Atlántica miúdo encabezada por Raquel Queizás.
Alén diso, o festival aproveitou para consolidar a idea dos espazos patrimoniais como escenarios axeitados para a narración oral. Atlántica estivo dende a Serra do Xurés ata a Mariña Lucense, dende ás rías aos montes, poñendo en valor espazos de gran valor patrimonial, tanto cultural como natural, e defendendo a súa filosofía de descentralizar a cultura, levando espectáculos de nivel a cidades, vilas e aldeas sen distinción. A Torre dos Andrade en Vilalba, o claustro de San Domingo en Betanzos, o Pazo do Couto na Pobra, o Malecón de Caldas, o Pozo do Conxeiro en Dodro e a Escola de Nenas de Teo sumáronse aos xa clásicos espazos do Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, o Lavadoiro de Penisqueira de Ribeira, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, a Colexiata de Sar, o CSC Maruxa Coralia, o Museo do Pobo Galego, etc.
Este ano as igrexas románicas foron a gran incorporación aos roteiros narrados e, grazas á colaboración das dioceses de Lugo e Compostela, o público celebrou os 800 anos de Vilar de Donas e descifrou a narrativa da Igrexa de Figueiras. Tamén houbo andainas para coñecer as historias das mulleres de Ferrol, a evolución do casco urbano de Ourense, ás características do Couto Mixto e os castros e petróglifos composteláns.
“A boa acollida do público e a rede de colaboración tecida dende hai anos con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos, etc. permitiu que Atlántica estivera por todo o país cunha organización impecable. Precisamente, o Festival ve nesta vía participativa o camiño a seguir no futuro: unha Atlántica fortalecida polo tecido asociativo e as institucións”, salientaron dende a organización, engadindo que xa están a traballar no encontro de 2025, a edición 12+1, “coa responsabilidade de amosar unha programación de alto nivel artístico que compaxine o arraigo no territorio coa proxección internacional sen os seu carácter igualitario e integradora”.




