O 6 de maio a asociación inclusiva Ambar, con sede en Ribeira, deu comezo á actividade formativa dos certificados de profesionalidade de Operacións básicas de cociña e Operacións básicas de Catering, formación destinada a persoas con diversidade funcional e que se desenvolveu nas instalacións do Mercado Municipal cedidas polo Concello de Ribeira. Nos últimos días da fase de formación teórica tiveron a oportunidade de colaborar co Proxecto Sálvora 2024, que levan a cabo persoas usuarias da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) de Ribeira, con Manolo Casais como guía e coordinador, na restauración da carpintaría da aldea que forma parte das Illas Atlánticas.

A actividade foi proposta no mes de abril polo concelleiro de Sanidade de Ribeira, Juan Luis Furones, o xefe de Servizo da UCA, Jesús Cartelle, e o coordinador do Proxecto, Manolo Casais, e consistiu na elaboración do menú para as persoas que estarían durante unha semana realizando a montaxe na antiga Escola de Sálvora do mobiliario que eles mesmos crearon. Esta rematou coa experiencia de realizar, ademais dese servizo de catering, unha xornada de convivencia coa visita á Illa de Sálvora e o cociñado dunha paella que o alumnado de Ambar acompañou cunhas empanadas.

Este curso realízase co apoio financeiro da Fundación ONCE a través da Convocatoria de Axudas Económicas para a Selección de Operacións para o Reforzo da Empregabilidade para Persoas con Discapacidade Uno a Uno.
Desenvolverase no marco do Programa de Emprego Xuvenil FSE+ 2021-2027 do Fondo Social Europeo (FSE), en concreto co Obxectivo Político 4, Prioridade 1, Obxectivo Específico h), establecido no Artigo 4 do Regulamento (UE) 1296/2013, relativo a “fomentar a inclusión activa ó obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos”.




