Anguria e pesar en Vigo, Baiona, Ribeira e Noia, de onde proceden os tripulantes galegos do “Argos Georgia”. Dos catro desaparecidos un é de Ribeira, que traballaba como relevo de máquinas, e outro de Noia, segundo enxeñeiro de a bordo.
Ascenden a nove os falecidos no naufraxio do ‘Argos Georgia’ nas proximidades das illas Malvinas. Segundo as últimas informacións remitidas por Salvamento Marítimo, dos 27 tripulantes que viaxaban a bordo do palangreiro, nove faleceron; catro permanecen desaparecidos e un total de 14 foron rescatados con vida.
Dos 27 tripulantes, 10 son españois, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia:
– 6 superviventes. 4 son galegos (3 de Ribeira e 1 de Pontevedra), 1 de Barcelona e 1 de Albacete.
– 2 persoas falecidas. Trátase do patrón do barco e veciño de Vigo; e o cociñeiro da embarcación, de Baiona.
– 2 persoas desaparecidas, das localidades de Ribeira e Noia.
O resto da tripulación estaba formada por 8 rusos, 5 indonesios, 2 uruguaios e 2 peruanos.
Dous dos falecidos e dous desaparecidos son galegos
Segundo as últimas informacións facilitadas pola Delegación do goberno en Galicia, un dos falecidos era o patrón de pesca, natural da parroquia viguesa de Valadares. O outro, o cociñeiro, do municipio pontevedrés de Baiona.
Hai ademais dous desaparecidos: un de Ribeira, que traballaba como relevo de máquinas, e outro de Noia, segundo enxeñeiro de a bordo.
Entre os que sobreviviron hai catro galegos: o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, todos de Ribeira, e un cuarto tripulante natural de Pontevedra.
Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, os 14 superviventes e os cadáveres dos 9 tripulantes falecidos, diríxense xa cara o porto de Stanley a bordo da patrulleira local Lilibet e do pesqueiro Puerto Toro. Agárdase que cheguen sobre as 18.00 hora galega. Os sobreviventes, que segundo trasladan están ben, serán atendidos no hospital King Edward VII Memorial, nas Malvinas, que está xa preparado para recibilos.
Pedro Blanco afirma que o Goberno pon todos os medios a disposición das familias para repatriar tanto aos superviventes coma os corpos dos tripulantes falecidos no naufraxio.
En función do que estableza o armador, o Goberno está disposto a fletar un avión para adiantar a repatriación. “Quero trasladar ás familias -como xa o fixen telefonicamente- que non imos escatimar ningún esforzo e que, se fixera falta, fletaríamos un voo para traelos a España, dado que desde Porto Stanley non existe voo comercial para poder chegar ata aquí”.
O naufraxio do ‘Argos Georgia’ estase vivindo con anguria nas vilas de onde proceden os tripulantes galegos que traballan a bordo do palangreiro.
De Ribeira son os tres superviventes galegos: o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas; e tamén un oficial de máquinas que segue aínda desaparecido. Este último adiantou o relevo porque o xefe de máquinas íase xubilar e “saíu un pouco antes para poñerse ao día na máquina”, como dicía no Bos Días, o concelleiro do Mar de Ribeira.
O alcalde da vila, Luis Pérez, afirma que se mantén en contacto permanente coas autoridades e as familias dos tripulantes do buque sinistrado e recoñece que están vivindo “horas angustiosas”. O rexedor afirma que esperan “final feliz, aínda que sabemos que as condicións son moi adversas”.
O conselleiro do Mar segue con preocupación as informacións que proceden das Malvinas. Alfonso Villares afirma que está en contacto permanente coa Delegación do Goberno e coas familias dos tripulantes galegos do “Argos Georgia”, o palangreiro sinistrado.
Villares afirma que agora toca “esperar”, e que “nos queda e ter a esperanza de que poda aparecer algún supervivente máis” do naufraxio.
O presidente da Xunta Alfonso Rueda enviou a través das redes sociais as súas condolencias ás familias dos tripulantes falecidos. O xefe do executivo galego segue con atención os labores de busca dos mariñeiros que seguen desaparecidos.