Estes sábado 8 de xuño o Auditorio Municipal de Ribeira acolleu a nova estrea do Grupo de Teatro Municipal de Ribeira, e a continuación o acto de Clausura da XXIV Mostra de Teatro Infantíl de Ribeira (Mostra Daniel Gómez Ramil) con entrega de agasallos aos grupos participantes. O acto contou ca presenza da concelleira de Cultura, Antía Alberte e foi presentado por Unai González, técnico de Cultura do Concello de Ribeira, quen publicou unha completa reportaxe fotográfica sobre o evento nas redes sociais (imaxes de Lisardo Villar).

Unha decena de funcións
O pasado 31 de maio inaugurouse a XXIV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira “Daniel Gómez Ramil”, que incluíu unha decena de espectáculos a celebrar no Auditorio Municipal. Como novidade contou por primeira vez con agrupacións teatrais infantís dos catro concellos de Barbanza-Arousa (Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo) así como da contorna cun total de 10 formacións.

A iniciativa dirixiuse a pór en valor a creación teatral feita polos máis pequenos; e serviu tamén para estrear a obra de teatro que prepararon os 20 cativos e cativas do grupo municipal.
O pano de fondo levantouno o Grupo de Teatro do CEIP de Artes, que estreou A escola misteriosa, o pasado 31 de maio.
O sábado 1 de xuño foi a quenda do Grupo Teatrinclis da Escola Airiños (Rianxo), que escenificou Ali, Sía e os pais das marabillas.
Logo actuaron Patakamakabra da asociación Airiños de Rianxo (con Na Rúa 24), o Grupo de Teatro ANPA do Colexio Bandaseca da Pobra (con Aladdin), o Grupo de Teatro da ANPA Cadreche da Pobra (con O mago de Oz), o Grupo Mimarte Kids do Centro Cultural e Deportivo de Boiro (con Encantadas 2), e o Grupo de Teatro Vacalouras de Rois (este xoves, con Mórdeme).
O venres 7 de xuño foi a quenda do Grupo Alondra de Palmeira (con Pic Nic) e o sábado 8 do Grupo Infantil Municipal de Ribeira (con Un estraño estraño día).
Estes días pasaron polo escenario do Auditorio Municipal de Ribeira máis de 170 artistas.



