O Concello de Dodro, pensando xa no lecer estival da rapazada, presentou os detalles dalgunhas das súas principais actividades de conciliación de verán, sendo a actividade física e deportiva o eixe central das mesmas. O programa inclúe un Campamento de Deportes Alternativos, que se organiza do 24 ao 28 de xuño e que vai dirixido a nenas e nenos de 7 a 15 anos, en horario de mañá (de 11 a 13 horas). Tamén haberá un Campamento Deportivo de Verán, a desenvolver entre o 1 e o 12 de xullo, dirixido (igualmente) á rapazada de entre 7 e 15 anos. Os dous campamentos terán un custe de 11,5 euros. As persoas interesadas poden solicitar máis información ou formalizar a inscrición no Departamento de Deportes. 981802532 / deportes@dodro.gal.

A maiores, o Concello presentou unha nova edición da Escola de Verán, convocatoria 2024, orientada a achegar á rapazada local alternativas culturais, creativas, de lecer e deportivas durante a época estival. A Escola está destinada a nenas e nenos de 3 a 12 anos (cumpridos á data de inicio da actividade). Desenvolverase os meses de xullo e agosto, en catro quendas, unha por quincena; en horario de 9.00h a 14.00h nas instalacións do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.




