As parroquias de Rianxo van ser, nunca mellor dito, un “punto quente” das celebracións de San Xoán. O núcleo de Buía no Araño vaise adiantar ás celebracións do lume purificador propiamente ditas coa edición 2024 do San Xoán na Ermida, este sábado 22 de xuño. Haberá bombas de palenque, alborada, misa e procesión (ás 13.00 horas), sesión vermú con Buxaina, inchábeis para a rapazada (ás 18.00 horas) e verbena ás 23.00 horas coa Orquestra Panamá. Ademais, das 2.00 en adiante haberá sesión de picadiscos coa Discoteca Móbil Chocolate. Organiza a Asociación Cultural A Carballeira de Baia co apoio do Concello de Rianxo e a Deputación.

Outro punto destacado das celebracións será Taragoña, co seu San Xoán no lugar de Campo Maneiro, este sábado 22. Actuarán a Orquestra Charlestón Big Band (xira do 40 aniversario), Kolokón, Disco Euphoria Show e Matrek. Haberá churrascada, sardiñada e criollada.




