O Concello de Boiro, no marco do proxecto Xogantina, realizou na mañá deste 19 de xuño unha xornadade xogos tradicionais destinada aos centros de ensino do municipio que se celebrou no parque da Cachada. A concelleira de Cultura, María Outeiral, participou na xornada co alumnado.

Na xornada, que se desenvolveu de 10.00 a 13.00 horas, participaron os alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria dos centros educativos de Boiro, a Asociación Amicos e persoas usuarias do Centro de Día de Boiro. Durante a mañá puideron participar en xogos guiados como foi o tiro á corda, carreira de sacos, salto da corda ou brilé; e tamén coñecer outros xogos tradicionais como zancos, aros , chapas, anillas…

Xogantina é un proxecto que desenvolve a concellería de Ensino e que ten como obxectivo fomentar os xogos tradicionais que contribúen á adquisición de valores, á socialización e ao fomento da creatividade, así como proporcionar propostas lúdicas destinadas a un público familiar.

Ademais desta xornada intercentros, con este programa levaranse os xogos tradicionais ás parroquias no marco das festas populares. A primeira xornada tivo lugar a pasada fin de semana na Boliña e as actividades percorrerán Comoxo o 29 de xuño; Escarabote o 22 de xullo; Abanqueiro o 2 de agosto; Boiro o 13 de agosto; San Ramón de Bealo o 30 de agosto; e Cespón o 7 de setembro.



