O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o concelleiro de Deporte, Xabier Vidal, xunto con funcionarios do Concello, acudiron ao Complexo Municipal da Fieiteira para recepcionar a nova grada cuberta para o campo de herba sintética.
Segundo lembraron, o campo de fútbol de herba artificial da Fieiteira dispoñía dunhas gradas desmontábeis cunha cuberta lixeira que “resultaba insuficiente para as necesidades dos clubs deportivos”. Por este motivo proxectouse a execución dunha grada prefabricada de formigón de 30 metros de lonxitude disposta en 4 filas, cuberta con paneis tipo sándwich que irán apoiados sobre unha estrutura metálica formada por perfís de aceiro galvanizados por inmersión. O acceso á nova estrutura realizarase mediante dúas escaleiras situadas nos extremos da grada.
Cun investimento superior aos 217.000 € suporá en palabras de Luís Pérez e Xabier Vidal “unha mellora para a comodidade dos seareiros de cara ás inclemencias meteorolóxicas, unha mellora demandada polas afeccións dos clubs”.
O rexedor recordou que “no campo de herba natural estase a realizar unha obra para dotar de aseos públicos e cantina o recinto, unha actuación que supón un investimento de 83.000€”.
Por último lembrou “o esforzo” que realiza o Concello na construción do módulo cuberto de atletismo e deportes de contacto, no que se investirá arredor de 1 millón de euros de fondos propios. Por último Barral detallou que traballan para aumentar as partidas de mantemento para que as áreas e espazos deportivos melloren.




