The Rapants actuarán na nova edición do Festival de Cans

07 Maio 2024

A banda muradá The Rapants, o director David Trueba, a actriz María Vázquez e o músico vasco Kepa Junquera serán algúns dos protagonistas principais da XXI edición do Festival de Cans que terá lugar na dita vila do Porriño entre o 21 e o 25 de maio. Serán cinco xornadas cheas de cine, música, coloquios e multitude de actividades paralelas. Este martes 7 celebrouse no Torreiro de Cans a rolda de prensa de presentación do evento, coa asistencia, entre outras autoridades, do conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. 

A banda muradá The Rapants

Durante a presentación o director do festival, Alfonso Pato, explicou que durante as cinco xornadas do festival haberá máis de cen proxeccións das que un total de 35 serán estreas e destacou a presenza este ano en Cans do director David Trueba, dos representantes da produtora francesa Société Acéphale e do acordeonista vasco Kepa Junquera para recibir a súa homenaxe.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López, mostrouse moi satisfeito de ter a oportunidade de estar en Cans por primeira vez como responsábel cultural da Xunta e indicou que todos os galegos coñecen da importancia dun festival que tamén representa a forza que ten neste momento o audiovisual galego. Confirmou que estará en Cans durante o desenvolvemento do festival para asistir as actividades do evento. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, apuntou que Cans é unha das parroquias máis pequenas do Porriño pero “está a organizar un dos festivais máis importantes de Galicia”. 

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópanse o director de cine David Trueba, un dos nomes máis destacados de panorama cinematográfico español dos últimos anos e que participará nun coloquio cos veciños e visitantes en Cans o sábado 25. A actriz María Vázquez, moi vinculada ao festival desde hai  anos, recibirá o venres 24 o Premio Pedigree de Honor que recoñece o seu especial agarimo cara a Cans e a súa traxectoria como unha das intérpretes españolas máis importantes dos últimos anos. 

Presentación do cartaz desta edición, este 7 de maio no Torreiro de Cans

No apartado musical, o mércores 22 celebrarase unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera, na que estará presente o propio artista que dará nome a un Jaliñeiro. Neste espazo o propio Junquera realizou unha actuación histórica hai dez anos. A homenaxe completarase coa exhibición de dúas pezas documentais sobre o acordeonista, que sufriu un ictus hai uns anos. 

Os grandes concertos, que xa se converteron nunha tradición en Cans, terán este ano como principais protagonistas á banda de Muros The Rapants, en palabras da organización festival “a última sensación do rock galego que están a levantar unha gran expectación en todos os seus concertos”. Ademais, no escenario principal da Leira do Rio Estrella Galicia tamén actuarán Nat Simons e Combo Paradiso. A programación musical contará con outros concertos de formato máis pequeno con bandas como Lontreira e artistas como Susana Seivane ou Su Garrido Pombo. 

No que se refire á programación cinematográfica, a organización destacou presenza este ano en Cans de representantes da produtora francesa Sociéte Acéphale (Anthony Lapia, Lorenzo Bianchi ou Eliza Muresan, entre outros) que será a protagonista de sección Foco Internacional. No festival poderán verse varios longametraxes desta produtora e haberá sesións de exhibición de curtas. Ademais, o festival terá como longametraxe de apertura o xoves 23 o filme Alumbramiento do director catalán Pau Teixidor e con María Vázquez no reparto. 

Outros dos focos importantes na programación do festival será a proxección do filme As Neves da directora e guionista Sonia Méndez que debuta na longametraxe con este filme sobre a vida duns adolescentes galegos no entorno rural. Tamén hai que destacar a estrea en Cans da sección Cineherdanzas, que nesta ocasión recupera o patrimonio fílmico de Carlos Asorey, un esquecido cineasta galego dos anos 70.  

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.