Estes días (xoves e venres 9 e 10 de maio) estanse a celebrar en Ribeira unhas xornadas de intercambio educativo galego-portugués ao abeiro da iniciativa Eixo Atlántico, edición 2024, nas que participan as localidades de Ribeira e Guimarães. Estes encontros están a ser coordinados dende o noso concello pola Concellería de Educación e o Servizo de Normalización Lingüística, que traballan coa finalidade de que “a experiencia sexa enriquecedora para a cidade anfitrioa e a visitante”.

Esta é a cuarta cidade do Eixo Atlántico coa que Ribeira realiza un intercambio escolar. Santa María de Feira, Vila Real e Braga foran os anteriores colaboradores nesta frutífera experiencia na que escolares de entre 8 e 12 anos de idade comparten tempo, xogos e aprendizaxe, dándolle corpo a unha realidade que, segundo sinalan dende a área de Cultura de Ribeira, “é preciso recordar, e é que Galicia e o norte de Portugal temos unha unión certa, a irmandade do idioma é tamén a dos costumes”.
Os días 9 e 10 de maio de 2024 en Ribeira
Día 9 de maio:
– 12.00 h: Recepción no Centro Cultural Lustres Rivas
– 13.00 h Visita guiada ao centro urbano de Ribeira e Museo Municipal
– 17.00 h Visita guiada á Lonxa de Ribeira.
– 18.00 h Coñeceremos a pé a costa de Ribeira, ría de Arousa, desde o centro urbano ata a costa continental do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, con tempo de lecer na praia e xogos en común.
– 20.00 h Encontro coa autora de Ouveos fractais de Patricia Torrado Queiruga, e coa arpista Clara Pino no Centro Cultural Lustres Rivas
Día 10 de maio:
– 9.30 h Visita ao Miradoiro da Pedra da Ra
– 10.00 h Chegada ao CEIP de Olveira
– 10.30 h Visita ao Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia no Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
– 12.00 h Visita ao Dolmen de Axeitos
– 13.00 h Regreso ao centro de ensino e participación na celebración tradicional dos Maios
– Tarde de xogos na praia de Coroso
--



