
O Concello de Rianxo continúa coa implantación de desfibriladores semiautomáticos nas instalacións deportivas municipais. Este mes de maio o Goberno local procedeu a instalar un novo equipo na pista polideportiva cuberta do CEIP Ana María Diéguez de Asados.
Previamente equipouse con estes dispositivos importantes infraestruturas como a Piscina Municipal, os campos de fútbol e os pavillóns municipais. Coa inclusión do CEIP Ana María Díeguez, xa son media ducia as instalacións deportivas municipais que contan con desfibrilador, ademais dos existentes na Casa do Concello e no Auditorio Municipal.
O alcalde Julián Bustelo e o concelleiro de Deportes, Julio Alcalde, fixeron saber que nas vindeiras semanas o persoal do Servizo de Deportes e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil impartirá cursos de Reanimación Cardiopulmonar e DESA (siglas de Desfibrilador Semiautomático Externo) dirixidos a entidades deportivas do concello, ao persoal municipal e ás traballadoras e traballadores dos centros escolares que contan con desfibrilador. O obxectivo é “iniciar aos participantes no manexo dos DESA e no soporte vital básico, como posíbeis primeiros intervintes ata a chegada dos servizos de emerxencia”, sinalaron.



