A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, realizou este martes 22 de maio unha visita institucional ao concello de Rianxo, onde aproveitou para supervisar xunto co alcalde, Julián Bustelo, o avance das obras de rehabilitación do Pazo de Martelo, un edificio histórico declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que alberga a Biblioteca Municipal e que está a ser sometido a un proceso de rehabilitación no que o Goberno inviste 978.710 euros a través do Programa de Impulso e Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación.

María Rivas sinalou que estes traballos, que se financian a partes iguais entre Goberno e o Concello e que roldan os dous millóns de euros, permitirán, entre outras cuestións, “mellorar a accesibilidade ao inmoble coa instalación dun ascensor; acabar cos problemas de filtracións grazas á substitución da cuberta, recuperar a fachada tradicional, e modificar a distribución de espazos para mellorar os servizos que se ofrecen á cidadanía, ampliando a zona de lectura, o espazo de almacenamento e habilitando postos de investigación”.
A subdelegada informou de que o PIREP, a través das súas dúas liñas, a que executa directamente o Goberno e a que xestiona a Xunta, deixou 30 millóns de euros en axudas na provincia, máis de 8 na comarca do Barbanza. “Un diñeiro que permitiron recuperar inmobles históricos, como este Pazo de Martelo, pero sobre todo mellorar e habilitar novos espazos para mellorar os servizos que as administracións prestamos á cidadanía”, apuntou.
Nesta liña, María Rivas subliñou a importancia de que os fondos do Plan de Recuperación cheguen a todos os concellos, incluíndo os máis pequenos, tanto para rehabilitar o seu patrimonio, como para mellorar servizos ou aproveitar o seu potencial turístico. “Trátase de garantir ás persoas que viven nos concellos costeiros e rurais un futuro no que conten coas mesmas oportunidades para toda a súa veciñanza”, indicou.



