
A festa das culturas mariñeiras terá lugar en Ribeira entre os días 17 e 20 de xullo de 2025. Trátase dun evento que se remonta ao ano 1993, cando se levantaron en Santa Uxía as velas de varios tipos de embarcacións tradicionais galegas, dando lugar á primeira edición dun festival cultural internacional que os seus impulsores cualifican de “evento totalmente arraigado no presente”, e que se vén realizando con carácter bienal de maneira itinerante, parando en diferentes localidades costeiras galegas que, como requisito, deben contar cunha asociación cultural dedicada á salvagarda das embarcacións tradicionais e inscrita na Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, organizadora do evento.
32 anos despois, esas velas volverán levantarse en Ribeira entre o 17 e o 20 de xullo de 2025 con motivo da décimo sétima edición do Encontro de Buques Tradicionais de Galicia.

O alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, acompañado do seu homólogo de Pasaia, Teo Alberro Bilbao, detallou este 10 de maio os aspectos máis relevantes desta nova edición do Encontro, aproveitando para convidar ao rexedor de Pasaia ao acto. Ademais, gabou a organización e calidade do Itsas Festibala, da que sacará experiencias para mellorar as expectativas do XVII Encontro.
“Este evento representa unha homenaxe á nosa herdanza marítima pero tamén mostra a nosa identidade cultural. É para min un orgullo ver como os Encontros volven ás súas orixes 32 anos despois”, destacou o alcalde Luís Pérez na presentación, engadindo que “Ribeira foi a localidade que viu nacer este evento en 1993 e volverá ser a súa casa no ano 2025 mostrando ese compromiso inquebrantábel polo mar. Grazas á Confraría da Dorna ou Culturmar que tanto esforzo fixeron ao longo da súa historia para fortalecer esas tradicións e esa conexión que temos co mar.”

A estadía do rexedor ribeirense na localidade éuscara enmárcase na promoción dos XVII Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, levada a cabo polas tres entidades organizadoras da nova edición: Culturmar, Real e Ilustre Confraría da Dorna e Concello de Ribeira. Na cita de Pasaia participaron representantes destas tres entidades, traballando arreo para dar a coñecer os encontros e convidar entidades á edición de 2025.
Pola súa banda, o alcalde de Pasaia agradeceu a visita do seu homólogo de Ribeira, quen tamén aproveitou para explicar as claves do éxito da Festa da Dorna, un evento lúdico-cultural arredor da dorna, declarado Ben de Interese Turístico de Galicia, cuxa primeira edición tivo lugar en 1948.
Culturmar e Albaola Itsas Kultur Faktoria colaboran no ámbito da salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial dende os anos noventa. Ademais de participar decote en festivais organizados tanto en Euskadi como en Galicia, así como noutras contornas xeográficas a nivel nacional e internacional, tamén participaron en proxectos europeos como Dorna, coa participación de asociacións de Bretaña, Noruega, Portugal e Escocia, e son membros activos de European Maritime Heritage, asociación paneuropea que promove e defende o mantemento en uso do patrimonio marítimo flotante da que Culturmar forma parte do seu Comité Executivo.



