
Co encoro de Portodemouros de pano fondo, en Arzúa, a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou este venres 24 de maio a súa campaña As caras de Altri coa que pretenden poñer o foco “nas persoas concretas responsábeis” da macrocelulosa que Altri pretende instalar no concello de Palas de Rei, á beira do río Ulla (principal abastecedor de auga doce da ría de Arousa), así como para animar a toda a mocidade a mobilizarse na manifestación que terá lugar neste concello lucense este domingo.
Como manifestou Alba Regueiro, responsábel de Galiza Nova nesta comarca, “a nosa é unha das comarcas máis afectadas por esta bomba medioambiental e é necesario que se saiba quen está detrás, que hai responsábeis políticos pretendendo hipotecar o noso país e o noso futuro”.
E engadiu: “Con este obxectivo ensinámosvos as verdadeiras caras de Altri, para sinalar o papel que tiveron persoas como Ánxeles Vázquez ou o presidente do Goberno da Xunta, Alfonso Rueda, que máis unha vez demostran que os seus intereses están do lado dos grandes poderes económicos e non da sociedade galega” engadiu.
Ata Arzúa achegouse tamén Marta Gómez, secretaria xeral da organización, que fixo fincapé en que este é “un problema que afecta a todo o país, a nivel de impacto medioambiental, mais tamén económico, social e por suposto político” sinalou.
Gómez acrecentou que “Galiza Nova, xunto con Erguer, rexistrou no mes de abril ao redor de 5.000 alegacións ao proxecto de Altri e estará este domingo na manifestación convocada pola Plataforma no concello de Palas de Rei”. Con esta campaña a organización xuvenil do BNG quere animar tamén a toda a mocidade non so da comarca se non de todo o país a mobilizarse e “demostrarlle ao
Partido Popular cales son os verdadeiros intereses da mocidade galega”.



