
Porto do Son é un dos concellos galegos nos que se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de SEAGA, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, visitou este martes 2 de abril os espazos do municipio sonense onde se están a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza desta especie invasora que pon en serio risco de supervivencia as nosas colonias de abellas.
Este labor enmárcase dentro das novas medidas da Xunta de Galicia para frear a expansión da avespa asiática de “xeito planificado e coordinado en toda Galicia”. Este trampeo xeolocalizado ten en conta a análise dos datos do 2023 para potenciar a súa efectividade. Segundo informou o conselleiro, esta nova medida “permite facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina”. A información recollida será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema.



