
Hoxe, 25 de abril, cúmprense 50 anos da revolución dos cravos, a revolta de Portugal que acabou ca dictadura de Salazar. Para conmemorar esta data, o Auditorio de Galicia fai un chamamento á cidadanía para participar no canto colectivo do Grândola, Vila Morena e render así homenaxe á sociedade portuguesa e ao papel da música na loita fronte ás opresións.
O 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, cantouse por primeira vez o Grândola, Vila Morena, a canción de Zeca Afonso que se convertiu nun himno de fraternidade e liberdade e nun dos símbolos máis significativos da Revolución dos Cravos.
O autor tardou en estrear a canción en directo e dise que o fixo nun concerto no Burgo das Nacións ao que acudeu invitado por Benedicto García Villar, un cantante picheleiro que formou parte do colectivo musical Voces Ceibes, adicado á canción social e de protesta en galego, e que tamén participou nas mobilizacións estudiantís de Compostela a finais dos anos 60. O Grândola Vila Morena foi escollido polo Movemento das Forzas Armadas para ser a segunda sinal da revolución. A canción fora prohibida polo réxime salazarista por ser considerada como un símbolo do partido comunista e na noite do 25 de abril do 1974, soou na radio católica portuguesa como sinal de confirmación do comezo da revolución. O acto terá lugar hoxe ás 18:30 na praza da Música de Compostela. Agárdase que se achegue a veciñanza e visitantes que queiran participar, coa única condición de inscribirse nun formulario dispoñible na propia web do Auditorio (Antía Pereira Rodríguez).



