A patronal boirense (ABE), o Concello de Boiro e os centros locais de ensino entregaron este 18 de abril os premios do I Concurso de Carteis Somos Boiro ao tempo que inauguraron a exposición cunha escolma dos mellores traballos presentados ao dito certame. Na entrega de galardóns participaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, a concelleira de Educación, María Outeiral, e o presidente da ABE, Daniel García.
Cada artista recibiu un Bono ABE por valor de 30€ para empregar, sen caducidade, en calquera dos máis de 200 negocios asociados a patronal de Boiro e ademais os carteis serán os protagonistas da campaña de promoción do consumo local da ABE na primavera 2024, aparecendo os debuxos, o nome dos/as autores/as e os centros en 45 pancartas colocadas nos farois da rúa peonil e en 2 lonas de 20 metros cadrados colocadas na fachada do Concello.

A temática do concurso tiña que ver co consumo local e a posta en valor da nosa contorna, patrimonio e a lingua e os gañadores foron os seguintes:
-Freya Cernadas, catro anos
CEIP de Pazos – Comoxo
-Valeria Hermo, tres anos
CEIP de Cespón
-Lía Alcalde, 5 anos
CEIP de Escarabote
-Nicoláo Piñeiro, 8 anos
CEIP de Abanqueiro
-David Sieira, 9 anos
CEIP Santa María do Castro
-Nicolás Suárez, 9 anos
CEIP Santa Baia
-Lía Tarrío, 11 anos
CEIP Praia Xardín
-Aldara Pedrosa, 13 anos
IES Praia Barraña
-Leo Miguéns, 15 anos
IES A Cachada
Inauguración da exposición
Ante a gran calidade dos traballos presentados o Concello de Boiro organizou unha exposición cunha selección dos mellores carteis que foi inaugurada este mércores e que poderá verse na da Casa da Cultura Ramón Martínez López (A Cachada) durante todo o mes de abril.
Ademais os 9 traballos gañadores poden verse na páxina web da ABE www.abe.gal e a partir de maio nas rúas da localidade transformados en pancartas da campaña de promoción do consumo local da ABE.



