A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxeou nas celebracións do Día das Artes Galegas 2024 ao escultor cambadés Francisco Asorey

06 Abril 2024

O acto institucional en lembranza do escultor celebrouse no Auditorio Municipal de Cambados e contou coa asistencia do presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; o académico de número da sección de Arqueoloxía e Museoloxía da institución, Felipe-Senén López Gómez, que pronunciou a laudatio “O escultor Asorey”; o conselleiro de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; e o alcalde de Camabados, Samuel Lago Ozón; ademais doutras autoridades institucionais e académicas.

Remitida


O presidente da RAGBA, no ano do 175 aniversario da institución, destacou o traballo da Academia en prol da protección, conservación, recuperación e proxección das artes galegas, como así exemplifica a súa historia na que propiciou a creación da Escola de Belas Artes da Coruña, o establecemento do Museo de Belas Artes, así como tamén animou e premiou a Asorey ao longo da súa traxectoria. “Falar de Asorey é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que si ben, dalgún xeito, tense a
emparentar coa tradición da imaxinería dos séculos XVII e XVIII ou con mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro, a súa obra da un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra” –explicou o presidente–.
Quintana Martelo explicou que ao longo deste ano a figura de Francisco Asorey será estudada nas escolas e a súa obra será difundida en estudos e conferencias temáticas, na mostra ao aire libre “Os vieiros de Asorey” que se poderá visitar en Cambados ata o 4 de maio, nun concurso de arte para escolares e con continuas revisións da súa arte, ademais dunha grande exposición que culminará este traxecto sobre Francisco Asorey e que se inaugurará proximamente na Cidade de Cultura de Galicia en Santiago de
Compostela. Por suposto, o presidente agradeceu a colaboración de diversas institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Cambados, as Deputacións, e outros organismos públicos, ademais do apoio da Fundación Francisco Asorey e da súa familia.

A raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza
O académico Felipe-Senén López pronunciou un emotivo discurso que xirou sobre a intensa vida do escultor Asorey. Comezando pola súa infancia, o académico narrou que Francisco Hipólito Asorey González (Cambados, 1889-Compostela, 1961) foi fillo de
emigrantes enriquecidos e retornados de Arxentina, e xa desde ben neno, e a pesares da opinión do seu pai, sinte a tradicional vocación de santeiro e imaxineiro. Así, en 1903 marcha a formarse nas Escolas dos Salesianos de Sarriá (Barcelona) e logo, en
1906 trasládase como profesor de debuxo á escola da mesma orde en Barakaldo (Bizkaia) onde monta un taller.
Nestes primeiros anos, o académico lembrou que Asorey recibía encargos de tema relixioso, sometido ao clasicismo grecolatino e renacentista que impoñía a igrexa sen deixar de entrever o acontecer escultórico dunha Europa que se movía cara ao modernismo. Tamén explicou que recibiu a influenza das novas artes da imaxe, especialmente da fotografía, como así o demostrou a súa amizade co fotógrafo Luis Casado Fernández ‘Ksado’ (Ávila, 1887– Santiago, 1972) e os temas parellos entre o escultor e o fotógrafo plasmado en obras escultóricas como Picariña ou Naiciña.
O académico relatou tamén a chegada de Asorey a Madrid en 1909 para entrar en filas, e a súa volta a Galicia en 1918 cando consegue a praza de escultor de Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago, cidade na que se establece para casar, no
Santuario da Escravitude, con Jesusa Ferreiro. Nos anos 20, Felipe-Senén López explicou como Asorey monta o seu taller na costa de Caramoniña, na zona compostelá de Bonaval, tempo no que se envolve nas raiceiras históricas de Galicoa, na orixe e a orixinalidade como aporte á universalidade. “O escultor buscaba recrear sobre os presupostos que ofrecen as tradicións galegas, as do panceltismo atlántico e as do cristianismo, seguindo a fervenza de ismos e de influentes creadores e innovadores nas artes que abriron o século XX, como Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas ou Antonio Palacios. Nesta época o escultor pon en valor as esencias de espírito que singularizan a raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza, como feito de erguer a dignidade do pobo asoballado” –apuntou Felipe-Senén López–.
A escultura en madeira policromada Picariña (1920) e as posteriores de Naiciña (1921), O tesouro, Ofrenda a San Ramón ou Santa (ambas do 1923) foron obras de Asorey moi eloxiadas nas exposicións nacionais de Belas Artes de Madrid. “Todas as obras
eran de tema galego, de base pegada á terra en ascese ao vértice, á luz, nas que se fai sobranceiro ese buscado carácter, o que entón chamaban raza, en relación coa etnia, o de a Galiza santa de romeiros e xograres que cantaba o seu paisano e amigo, o poeta
Ramón Cabanillas” –sinalou o académico–.
Segundo recalcou Felipe-Senén López, os materiais preferidos de Asorey para a escultura eran os da terra, a pedra e a madeira, axudados polo singular xeito de traballo expresionista da policromía, polo que se deixa denotar na materia o curso das gubias ou dos ciceis. Lembrou o académico, que o escultor cambadés trataba temas cargados de simbolismo, lonxe do pintoresquismo ou do folclorismo enxebre, nos que radicaban as esencias do celtismo e do cristianismo, contando sempre cos herdos clásicos que propoñían as academias.

Obras simbolistas que arrincan da forza da terra cara a luz e, por medio, unha ascese
Continuando co devir de Asorey, Felipe-Senén López recordou tamén como en 1931, e xa en plena sona como gran escultor con múltiples encargos monumentais de retratos, placas ou medallas, o artista trasladou o seu taller de Caramoniña ás inmediatas hortas de Santa Clara, a carón da sorprendente e inspiradora arquitectura barroca e xeométrica de Simón Rodríguez. Será aquí onde labrou grandes monumentos como o de San Francisco en Compostela, o do aviador Loriga para Lalín, o de Curros para
Coruña ou a da Virxe de Tanxil para Rianxo. “Estes monumentos expresan a permanente ansia de ascese, xa que partindo da terra, das raiceiras, o escultor vai trazando un xeito de camiño, unha ascese piramidal cara á cima, ao vértice no que triunfará a alborada, a aurora, a cruz como cosmogonía” –argumentou o académico–.
Historiadores e investigadores da obra de Asorey fan referencia ao coleccionismo de crucifixos e imaxes populares do escultor. Coas esperanzas de Asorey truncadas pola guerra civil, o escultor acolleuse ao seu sentir relixioso e seguiu recibindo encargos,
como o altar para o Panteón Galego da Chacarita en Bos Aires, o monumento ao Padre Feijóo de Samos, o do astrónomo Aller en Lalín ou o Cristo de Moia, sen faltar os monumentos dedicados aos mártires e aos soldados da guerra.
O 2 de xullo de 1961, vítima da silicose, a enfermidade dos arxinas e os canteiros, Asorey faleceu en Compostela. Os seus restos mortais foron enterrados no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. “O escultor cambadés foi, é e será recoñecido, admirado e aplaudido en vida e en morte por un pobo que se identifica na súa obra, que agradece e devolve o agarimo co que se respecta e trata. Cómpre agora velar por ese legado escultórico representativo dun
tempo da universalidade de Galicia, en ocasións bustos e monumentos á intemperie, sometidos ao devalar do tempo e de circunstancias pouco propicias” –asegura Felipe- Senén López–.
A numerosa obra de Asorey como escultor relixioso, retratista, costumista, funerario, nos monumentos públicos, en placas ou en medallas, mesmo en complementos en bronce ou souvenirs cerámicos, foi comentada e estudada profundamente, incluso en
vida do propio escultor. Destacan estudosos como o profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ramón Otero Túñez, que realizou unha investigación en 1959 que foi a pedra angular para futuros traballos. Dentro da época actual destaca a actualización de aspectos biográficos e da obra de Asorey realizada pola doutora Maribel Iglesias Baldonedo, que contextualizou ao escultor na primeira metade do século XX, anos de confrarías, das Irmandades da fala ou do Seminario de Estudos Galegos.
Esta información e outra moita máis pormenorizada da obra do escultor estará recollida na publicación “O escultor Asorey”, promovida pola RAGBA, con textos de Felipe- Senén López, e fotografías de Xurxo Lobato, Raúl Río, Felipe-Senén López e
Mercedes Espiño, que se difundirá proximamente.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.