Logo de desembarcar nas rúas de Ribeira e Porto do Son, a mostra sobre o autismo da asociación da nosa comarca Amicos chegou á Pobra do Caramiñal este venres, 12 de abril. Ao acto de benvida acudiu a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, o alcalde do municipio, José Carlos Vidal, o alumnado de 4o do CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras, e representantes do Partido Popular local, que acompañaron aos cativos e cativas do CEEPR de Amicos e aos mozos/as do Centro de Día da asociación.
A presentación comezou cun xogo para afondar en conceptos relacionados co trastorno do espectro autista, no que participaron todos os asistentes. A continuación tivo lugar a lectura do manifesto, no que os pequenos e pequenas de Amicos quixeron reivindicar a importancia e a necesidade de loitar por unha educación inclusiva na que se conte con apoio adaptado segundo
as necesitades do alumnado. Esta lectura deu pé á presentación dos tres tótems informativos que permanecerán nos xardíns Valle-Inclán da Pobra ata este domingo. Alí a veciñanza da comarca poderá afondar na realidade das persoas con TEA, que en Galicia ascenden a unhas 27.000. O obxectivo desta acción é “sensibilizar e concienciar á comunidade sobre a importancia de coñecer a realidade das persoas que están preto de nós, e que non sempre percibimos a primeira vista”.

O autismo en adultos
A asociación inclusiva Amicos lembrou con motivo da iniciativa da Pobra que “o autismo está preto de nós, como nos recorda a campaña impulsada por Autismo España este ano”. Para visualizar esta realidade e pór en valor a historia daqueles que temos ao noso alcance, Amicos reivindicou a historia de Carlos Pino, residente no Fogar Amicos, situado no Centro de Atención Integral que a entidade ten en Boiro.
Segundo explicou a asociación, Carlos é un mozo de trinta e seis anos con grandes necesidades de apoio, que chegou á familia de Amicos hai arredor dun ano. No centro non tardou en gañarse ao equipo polo seu carácter cariñoso, que mostra sobre todo coas súas persoas de referencia, que non dubidan en cualificalo como “un amor”.
“Encántanlle os cómics e a música, sobre todo en español, e tamén lle gusta moito camiñar por espazos abertos. O que non soporta é sentirse en espazos cerrados e/ou demasiado abarrotados de xente, sobre todo se son ambientes ruidosos. Nesas ocasións é necesario contar coa posibilidade de saír cun apoio e dar un paseo para que se relaxe”, conta Sonia Fuentes, psicóloga e coordinadora de centros da entidade. Algo que tamén destaca súa irmá Cristina, que engade que “Carlos ten especial predilección polos contos de Mortadelo e Filemón, e paixón pola cor amarela e pola comida”.

O autismo e a comunicación
Amicos fai saber que por norma xeral, unha das áreas ás que máis afecta o autismo son a comunicación e a interacción social. No caso de Carlos, a súa comunicación oral é limitada. Nela impóñense as ecolalias, é dicir, a repetición de palabras sen a articulación de frases completas. Isto fai necesario que “a comunicación con el se estableza a través de sistemas alternativos e aumentativos da
comunicación”.
A asociación informa que estes sistemas alternativos e aumentativos de comunicación (SAAC) permiten que as persoas que non contan cunha comunicación oral fluída poidan mostrar as súas necesidades, desexos ou aquelo que as inqueda. Este apóiase no uso de imaxes como fotografías, pictogramas, taboleiros; xestos e frases sinxelas. “E, como con calquera persoa, é vital ter paciencia e darlles tempo para que poidan expresarse e con indicacións moi sinxelas e moi claras de cousas que el coñece, acompañado sempre de linguaxe xestual”, engade Amicos.
Relacións de confianza
Carlos conta tamén cun núcleo familiar moi implicado, que o visita de forma constante e co que pasa tempo de calidade. E é que, como calquera outra persoa, establece “relacións de referencia, de feito aquí no centro xa ten as súas, tanto entre os profesionais como cos compañeiros. Aínda mantendo a distancia que el considera oportuna en función da persoa coa que se vaia relacionar, Carlos é capaz de mostrar simpatía ou indiferencia” segundo a súa compatibilidade coas distintas persoas que o rodean.
Amicos lembra tamén que evitar o contacto físico é outra das características que adoitamos relacionar coas persoas autistas. Un trazo que non se aplica en Carlos, como sinala súa irmá Irasema, que destaca que “é moi cariñoso e gústalle que o biquen e o abracen cando hai confianza. Non todas as persoas autistas evitan o contacto físico, ou polo menos non en todas a circunstancias”.
Sonia apunta que “a nivel cognitivo, Carlos necesita entornos moi familiares, moi estruturados, unha anticipación continua de tódalas rutinas, aínda que as repita a diario. El concretamente, necesita espazos onde moverse e unha persoa que supervise tódalas súas actividades, tanto básicas como instrumentais (de interacción co medio). E, dependendo da actividade, pode necesitar un ou outro apoio.
O día a día no centro
En canto ao traballo no centro, a psicóloga de Amicos indica tamén que “traballamos con Carlos con apoio constante. Ten unha persoa de apoio acompañándoo continuamente, así como técnicos de apoio á súa disposición que están con el dende que se levanta da cama ata que se volve deitar, e que incluso supervisan o seu sono porque tamén ten crises de insomnio. Despois, ao longo do día, ten con el tanto técnicos de apoio como técnicos de desenvolvemento”.
Amais precisa dunha anticipación continua de rutinas. Iso dálle unha estrutura do que ten que facer no día a día e, sobre todo, que vai pasar de forma inmediata. Se lle falta iso, síntese perdido se non comprende que está a pasar, o que lle xera moito nerviosismo”.
Ademais, acude a fisioterapia, onde se traballa en base ás súas necesidades e á súa condición física. Tamén participa nos distintos obradoiros que se realizan no Centro de Día. N



