Ribeira inicia o mes da igualdade cunha mostra colectiva de 33 mulleres artistas locais

02 Marzo 2024

O Centro Cultural Lustres Rivas quedou pequeno para acoller a tódalas persoas que se achegaron á inauguración da mostra colectiva EmpoderArte, unha colección de pezas artísticas (pintura, escultura, xoiaría, téxtil, etc) realizada por 33 artistas locais. A concelleira de Cultura, Antía Alberte, foi a encargada de abrir a xornada lembrando a Carmiña Romero unha ribeirense nacida en 1925 membro dunha familia traballadora que tiña vocación artística, unha vocación truncada pola Guerra Civil pero que logo desenvolveu no téxtil tendo ao seu cargo a un nutrido grupo de mulleres que realizaban confeccións. Sobre a súa historia inspiráronse as outras artistas ribeirás para facer a mostra.

“A contemplación de pezas artísticas non debera ser unha mera observación, debera ser un feito que incitara á reflexión e ao pensamento crítico”. A concelleira fixo fincapé en que a arte non sempre gusta, e “iso é bo”, e engadiu: “O fío condutor da historia de Carmiña xunto con todas as mulleres que compoñen esta mostra convida a cuestionar a importante relación entre as mulleres, os coidados e as imposicións sociais”.

Pola súa banda, o rexedor Luís Pérez, felicitou a todas as artistas por achegar unha visión do mundo “única e irrepetíbel” e sen as cales non tería sido posíbel ter realizado esa fabulosa mostra. “Sirva esta mostra para poñer fin tamén a unha historia de esquecemento, de invisibilidade e de silencio sobre todo o traballo das mulleres” declarou. Pérez Barral comprometeu o traballo do Concello de Ribeira a traballar non só para que a xente poida admirar esas obras de arte feitas por mulleres ou a facer actos simbólicos, senón que se comprometeu a impulsar políticas decididas a prol da igualdade.

No acto estiveron o tenente alcalde Vicente Mariño, as concelleiras Cruz Rivadulla e Veva Betanzos e as artistas que integran a mostra: Ainhoa Pérez, Amparo Fuentes, Beatriz F. Ferrín “Augarela”, Carmen Sampedro, Cristina Rey, Ester Rincón-Benzalá Fernández, María Goretti Bello, Iria Pérez Rial, Jenny G.C., Luz Angélica García Mariño, Maika García Paz, Maite S. Cortés, Maralla, Marijo Sampedro Arnoso, Matusa Del Río Paz, Mónica Montero, Natalia Arnoso Carcía, Pilar Abal, Pilar Ageitos Fuentes, Pura Villa Martínez, Raposiñas, Rebeca Novo Castro, Rosa María Suárez García, Rosario Palacios “Orive”, Sara Maneiro, Sofo Rivas, Susana Ponce Martínez, Teresa Argibay, Teresa Ramallo, Uxía Fernández “Maruxía”, Vero Leis e Violeta Iglesias Maneiro.

As actividades seguirán ao longo de todo o mes de marzo con obradoiros, contacontos e unha homenaxe ás mulleres artistas do Concello de Ribeira.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.