O PSdG de Rianxo emitiu un comunicado no que expresa o seu punto de vista sobre os traballos que se están a levar a cabo na Escola Infantil, que considera “insuficientes”. Por este motivo, instou ao Goberno local “a desenvolver a totalidade dos traballos para emendar as deficiencias e garantir a seguridade”. Neste senso, os socialistas propuxeron ao Executivo rianxeiro empregar parte dos investimentos do Plan de Obras e Servizos, POS 2024 (dos que Rianxo recibiu máis de 440.000€) a acometer as obras necesarias para solucionar os problemas de seguridade que a día de hoxe ten este espazo”.

Oscar Rial manifestou a necesidade de “acometer con urxencia estas obras, xa que aínda sen ser competencia municipal, o Concello de Rianxo debe ter a responsabilidade cos seus veciños e veciñas e garantir a seguridade das familias, dos menos e nenas, e de todo o persoal que traballa no centro educativo”.
Rial manifestou “sería moi positivo que o alcalde de Rianxo se sentase a negociar co Consorcio unha posíbel remodelación integral do edificio, mellorando os espazos de xogo e atendendo ás demandas da comunidade educativa: equipo directivo e ANPAS, e para iso é necesario dispoñer dun recursos económicos que permita facer una negociación favorábel, para desatascar este problema de seguridade”, por iso a proposta do PSdG era a utilización de parte dos fondos recibidos da Deputación Da Coruña.
Para os socialistas, “a situación actual do investimento en Escolas infantís chegou a un punto crítico”. E engaden: “A falta de recursos axeitados para garantir o benestar e a educación dos nosos fillos é un problema que non se pode pasar por alto, por iso reclamamos de urxencia ao Concello que se comprometa a negociar co Consorcio para conseguir os fondos necesarios”.
Os socialistas opinan que “as Escolas Infantís desempeñan un papel vital no desenvolvemento temperán dos nenos, proporcionando un ambiente educativo seguro e sendo ó mesmo tempo un elemento de conciliación familiar importante mentres os pais e nais traballan”. Porén, sinalan, “a falta de investimento adecuado provocou unhas malas condicións en moitas destas instalacións, poñendo en risco a calidade da atención que reciben os nosos fillos”.
E conclúen: “Entendemos as limitacións orzamentarias que poden existir no noso Concello, pero a educación e o coidado dos fillos non se poden sacrificar en aras da austeridade; por iso instamos ao Executivo local a priorizar o investimento e a traballar en colaboración co Consorcio”



