
A plataforma PLADEMAR e a Concellería de Cultura de Noia que dirixe José Pérez presentaron unha nova iniciativa cultural que xorde da enriquecedora confluencia entre música e medio ambiente: o festival Ría Fest (música, mar e vida). O obxectivo é sensibilizar sobre a importancia de coidar a nosa natureza e o noso mar ao tempo que se impulsa o talento musical local e galego, conectando coas novas xeracións a través de novos estilos, formatos e propostas.
Segundo informaron o edil Pepe Pérez e o mariñeiro, divulgador e activista Rogelio Santos, co-impulsores da iniciativa, “trátase dun evento cultural no que reunirse para participar nunha charla ou desfrutar de diferentes concertos e no que está presente a defensa do mar e da nosa ría”.
O evento desenvolverase este vindeiro sábado 6 de abril. As actividades comezarán ao mediodía no Coliseo Noela, coa gala de entrega dos Premios PLADEMAR Pola defensa da ría de Muros e Noia, e coa actuación de Les Singulars. Ás 18.00 no Edificio do Casino haberá unha mesa-coloquio sobre a importancia de coidar a ría con Blondiemuser, Mariscadora 2.0, Totakeki e Rogelio Santos. Actuarán Barahúnda e Dake_GZ/Puga. Ás 19.30 está previsto que comece unha ruada con Jaitas Blue. Haberá xogos tradicionais na rúa do Curro. Pola noite, ás 21.30 horas na rúa do Curro comezarán os concertos de Mondra, Boyanka Kostova e Chicho Selektor. As actuacións son todas de balde.




