Amicos conmemora o 8M loitando contra a dobre discriminación que sofren as mulleres con discapacidade

08 Marzo 2024

A asociación da nosa ocmarca Amicos, ao abeiro do seu compromiso coa inclusión e a igualdade, celebra cun completo programa de actividades este 8M, Día Internacional da Muller. Un dos obxectivos é tirar abaixo as barreiras e discriminación ás que teñen que enfrontarse as mulleres con discapacidade: a de xénero e como persoas con discapacidade. Por este motivo, a asociación deseñou unha semana reivindicativa con todo tipo de accións, materializada polo equipo técnico do Centro de Atención Integral e o Centro de Educación Especial.

A semana comezou con varias sesións informativas nas que se trataron cuestións como a orixe do 8 de marzo como Día da Muller, porqué se utiliza a cor violeta, ou a situación da muller na sociedade. A través destas actividades, buscouse ofrecerlles un contexto ás mozas e mozos que os anime a participar no debate e expresar os seus puntos de vista e as súas dúbidas con respecto ao tema.

Accións lúdicas e creativas para sensibilizar

Asemade, tamén se elaborou a decoración que engalana o centro e varios murais, así como algúns presentes. Un dos murais xirou en torno á sororidade, no que os e as beneficiarias traballaron este concepto e a importancia de crear redes de apoio para fomentar cambios a pequena e gran escala, así como a necesidade de traballar a propia autoestima.

En Xogo as e os participantes traballaron sobre os estereotipos e a violencia de xénero apoiándose no vídeo-libro A princesa que non quería comer perdices. Pola súa banda, no obradoiro de Medioambiente navegaron pola Galería de Mulleres Extraordinarias, ao abeiro da que descubriron o nome e a vida de mulleres que cambiaron a historia. A continuación elaboraron con distintos materiais e técnicas varios retratos de mulleres ilustres como a astronauta Valentina Tereshkova, as activistas Malala Yousafzai e Rosa Parks, a aviadora Amelia Earhart, a artista Frida Kahlo ou a deseñadora Coco Chanel.

Tamén se traballaron conceptos referentes á violencia de xénero e os distintos tipos, a discriminación, a desigualdade na parella… todo a través do conto de Arturo e Clementina. Esta actividade deu pé a un amplo debate sobre os valores e as situacións descritas na narración.

Actividades de sensibilización no Centro de Educación Especial Amicos

Por outra banda, o equipo da área de Pekes elaborou un dosier de actividades e pasatempos, que enviou aos colexios da comarca. O tema principal non é só a figura da muller, senón que está centrado na muller con discapacidade. O obxectivo é que o alumnado de infantil e primaria se achegue ao Día da Muller “dunha forma lúdica e educativa”.

Ademais, o xornal adaptado de CEEPR, Peke News, publicado este mes de marzo, tamén ten como tema central o 8M. E no centro, tanto os técnicos como os nenos e nenas compuxeron un gran mural cos retratos de todas as alumnas e as mulleres do equipo de Pekes. Este mosaico non só está elaborado con fotografías, tamén con outros materiais como la, recortes, etc.

A dobre desigualdade

Amicos lembrou este 8M que as mulleres con discapacidade seguen a sufrir a interseccionalidade dunha discriminación estrutural. Isto é, no seu caso solápanse dous eixes de discriminación, o que “fai a súa situación especialmente delicada”, sinalou a asociación da nosa comarca, engadindo que neste contexto “as nenas e mulleres con discapacidade teñen maior risco de sufrir violencia e abuso”. De feito, segundo o Centro Español de Documentación e Investigación sobre Discapacidade, un 40,4% das mulleres con discapacidade sufriron algún tipo de violencia de mans dalgunha das súas parellas, fronte ao 31,9% de mulleres sen discapacidade.

Pero a desigualdade está presente en todos os aspectos. Así, non só existe unha falta de representación e participación na toma de decisións políticas e sociais: “Se falamos do ámbito laboral, a taxa de presencia activa neste mercado das mulleres con discapacidade é do 35,3% fronte ao 72,8% das mulleres e o 82,6% dos homes sen discapacidade”, explicaron dende Amicos, engadindo que “ademais, as mulleres con discapacidade cobraron no 2020 un 12,5% menos que os seus compañeiros con discapacidade, un 30,9% menos que os homes sen discapacidade”.

Outros artigos

O Concello de Boiro organiza un curso STEAM para a rapazada

O Concello de Boiro ofrece un curso de STEAM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática) para nenas e nenos, co obxectivo de fomentar a súa aprendizaxe en cuestión de tecnolóxicas básicas. Porase o foco na robótica, na Realidade Virtual, nos drons e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...