O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, visitou este 5 de marzo a localidade de Portosín, co fin de coñecer de primeira man, na compaña do alcalde Luis Oujo, as as instalacións da empresa local Portosin Fiss. Villares puxo en valor a contribución de empresas como Portosin Fiss, e o traballo das 50 persoas empregadas nesta factoría, ao liderado do sector pesqueiro galego a nivel internacional, referente en boas prácticas medioambientais, e innovación tecnolóxica. Un bo facer, dixo, “que se ve reflectido na súa traxectoria de éxito respectando no procesado a excelente calidade da materia prima para que chegue ao cliente nas mellores condicións posíbeis”.

O responsábel autonómico resaltou “o modelo de cogobernanza que mantén o Goberno galego co propio sector que permite adecuar as axudas ás necesidades reais das propias empresas e profesionais reforzando a competitividade do conxunto da cadea mar-industria que xoga un papel decisivo na soberanía alimentaria do conxunto do continente europeo”. Villares sinalou que o 70% do peixe consumido na Unión Europea é importado polo que reclamou ás institucións europeas e nacionais que permitan incrementar as capacidades de pesca da frota galega e afondar nas campañas de promoción do consumo dos produtos pesqueiros como elementos esenciais dunha dieta equilibrada e saudable.
O conselleiro coñeceu da man dos responsábeis da empresa as modernas instalacións coas que conta a compañía en Porto do Son que se suman ás que contan en Boiro nas que ofrecen un servizo de almacenamento frigorífico previo a súa distribución no que se mantén un escrupuloso control da cadea de frío. No 2023 puxeron en marcha melloras dirixidas a introducir as últimas tecnoloxías para afondar na sustentabilidade medioambiental da actividade. Na actualidade teñen unha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de produto así como para mercadoría en depósito aduaneiro.

Reclamacións ao Goberno central
Durante a súa estadía en Portosín, o titular de Mar reclamou ao ao Goberno central que “axilice a activación do PERTE para a cadea mar-industria para que o sector poida acometer os investimentos necesarios para abordar a súa transformación e modernización que lle permita gañar competitividade”. Tamén demandou que esta liña de axudas europeas teñan unha dotación económica suficiente que permita alcanzar os seus obxectivos.
O titular de Mar criticou a proposta do que cualificou como “mini-PERTE anunciado polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, o pasado 29 de xaneiro dotado con 50 millóns de euros dos cales 40 millóns serían en subvencións e os 10 millóns restantes a préstamos”. Trátase dunhas cantidades que cualificou de “insuficientes tendo en conta a relevancia económica do conxunto da cadea mar-industria na comunidade cunha facturación de 9.000 millóns de euros anuais que emprega a 50.000 persoas e cun marcado carácter exportador xa que segundo as previsións no 2023 superouse a cifra récord de 2.700 millóns de euros alcanzados no 2022”.



