Este mes de marzo comezan os traballos de voluntariado forestal da man do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), que mobilizará ata finais de 2025 medio milleiro de voluntarias e voluntarios de todas as idades para amosar cómo é posíbel transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas e poñendo en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte.
As dúas primeiras intervencións programáronse na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame, recoñecida polo Programa da ONU para o Ambiente desde 2017. Este domingo 40 participantes de todas as idades comezaron plantando uns 30 castiñeiros, traballos que continuarán o próximo sábado 9. Trátase dunha experiencia piloto de ‘cortalumes verdes’, infraestruturas forestais que integran especies máis resistentes ao lume e forman espazos resilientes con maior biodiversidade e posibilidades de uso multifuncional.
A xornada deste domingo estaba especialmente pensada para as máis cativas e as súas familias, xa que estiveron acompañadas dunha ‘trasna’ e unha ‘bruxa’, que axudaron a concienciar sobre a importancia de coidar dos nosos bosques. A seguiente intervención, aberta a todos os públicos, incluirá un obradoiro práctico de poda forestal. Ata finais de 2025 organizaranse 20 xornadas deste tipo nas montañas de Ancares, O Courel, Laza, Negueira de Muñiz, Cangas de Narcea e Tineo.
Trátase dun proxecto no que participan a Fundación Juana de Vega, a Fundación CEER, CETEMAS, Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Ademais das xornadas de voluntariado forestal, o proxecto CAPRIF-CC creará unha rede de ‘Living Labs’ nos territorios nos que se levarán a cabo numerosas actividades de innovación aberta, formación e co-creación buscando a dinamización económica no ámbito forestal e os usos multifuncionais. Tamén se elaborará un mapa de talento e un atlas de boas prácticas para pór en valor e divulgar as experiencias de conservación comunitaria e xeitos de xestión positivos en termos de fomentar territorios resilientes e biodiversos.




