O Polideportivo da Tomada acolle esta tempada a Primeira Miniliga Social 3D Indoor CONGALSA-A Pobra

31 Xaneiro 2024

A Primeira Miniliga Social de Tiro con Arco 3D Indoor Congalsa-A Pobra incorpórase ao calendario deportivo da Pobra do Caramiñal. Trátase dunha cita que lanza o Club Arqueiros do Barbanza, coa colaboración da Concellaría dos Deportes e a empresa CONGALSA, como un novo método de adestramento e divertimento para os/as deportistas que practican esta disciplina.

Con relación a isto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, apuntou que “é unha magnífica proposta que permite amosa-la destreza nesta modalidade mentres non chegue a época de máis apoxeo.” Enxalzou tamén o compoñente social desta iniciativa, que, “sen abandonar o san espírito competitivo, posibilita que as persoas participantes estreiten lazos e interactúen de xeito distendido nas pausas”.

A dita liga consta de catro tiradas para desenvolver entre os meses de febreiro e abril (4 e 25 de febreiro, 24 de marzo e 14 de abril), con concorrencia na categoría absoluta para, no final, outorgárllelos trofeos correspondentes aos tres postos do podio nas divisións que toman parte.

O Polideportivo da Tomada é o lugar elixido para que os/as arqueiros/as amosen a súa destreza ao atinaren coas frechas nas dianas volumétricas nas divisións de arco composto, espido, tradicional e longbow. Esta miniliga desenvolverase na quenda de mañá, das 09.00 horas en diante.

Requírese a inscrición previa a través do enderezo electrónico arcobarbanza@gmail.com e o pagamento da cota de participación por un importe de 20 euros por xornada de liga. O prazo para se anotar vai por cada tirada: para a primeira, estableceuse do día 23 ao 29 de xaneiro; para a segunda, do 11 ao 18 de febreiro; para a terceira, do 10 ao 17 de marzo; e para a cuarta, do 31 de marzo ao 7 de abril.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...