
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, debullou este 16 de xaneiro a estrutura e o cometido do comité científico que asesorará á Xunta para avaliar o impacto da vertedura dos granulados plásticos na nosa costa. Segundo fixo saber, estará integrado por expertos e catedráticos das tres universidades galegas, investigadores vencellados a organismos de referencia a nivel nacional como o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos de Portos e Costas (CEDEX) e o CSIC, membros de organismos autonómicos como CETMAR e INTECMAR e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e, finalmente, representantes de entidades ambientais e ecoloxistas.
Logo de sinalar que esta mesma semana convocarase aos seus membros a unha primeira reunión, Vázquez explicou que o novo órgano de asesoramento específico en materia de plásticos estará integrado, inicialmente, por uns 15 expertos de diferentes eidos e vencellados a entidades públicas e privadas de prestixio tanto a nivel galego como estatal. A súa composición será “susceptíbel de sufrir cambios e sumar novas incorporacións para adaptala ás necesidades e perfís que se vaian requirindo”, sinalou a conselleira, engadindo que a súa misión será avaliar as actuacións que poidan ser necesarias, “a medio e longo prazo”, derivadas do impactos dos plásticos no mar e na costa da Comunidade.
Subliñou que deberá proporcionar “directrices en tres eidos”: elaboración dun programa a curto, medio e longo prazo dos efectos dos plásticos; análise da ecotoxicidade deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e da avifauna costeira; e valoración das boas prácticas e das regulamentacións necesarias para prever posíbeis verteduras plásticas.
Tras destacar o excelente labor realizado polo persoal da Xunta, os traballadores municipais e os voluntarios nos últimos días ante a chegada a Galicia de material plástico procedente do mercante Toconao, a vicepresidenta quixo destacar en particular o traballo “exhaustivo” que está a realizar o dispositivo integrado por axentes medioambientais, vixiantes de recursos naturais e gardas dos parques naturais que, ata o de agora, inspeccionou un total de 350 praias, incluíndo visitas diarias aos principais areais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregán e Vixán.
Engadiu que os traballadores dos centros e recuperación de fauna da Xunta “non teñen constatado nos últimos días ningún caso de ave falecida por inxestión de plástico”.
Vázquez explicou tamén que o operativo autonómico de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, está integrado a día de hoxe por máis de 400 efectivos, aos que hai que sumar, recordou, os 60 formadores de voluntarios que asesoran a pé de praia a aquelas persoas que queren colaborar nas tarefas de recollida e limpeza dos areais.
Indicou asemade que na xornada deste martes 16 o persoal de medios propios encargouse da limpeza de 69 praias localizadas en 30 concellos, mentres que por mar o Servizo de Gardacostas ofreceu apoio e seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e un total de 14 embarcacións.
En canto ao balance acumulado dos traballos de limpeza, detallou que desde a activación do dispositivo, a comezos de xaneiro, “recuperáronse xa 2.473 kg de granulados plásticos, cantidade equivalente a 99 sacos como os que transportaba o Toconao cando perdeu parte da súa carga en augas portuguesas”. Ademais, engadiu que o resto de residuos plásticos retirados das praias desde o pasado día 10 superan xa os 5.200 quilos, é dicir, “máis do dobre” que as bólas recuperadas.
Na xornada deste luns, o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou 178 kg de pélets plásticos e algo máis de 1.000 kg doutros residuos plásticos asimilábeis aos que se depositan no contedor amarelo.
Vázquez falou tamén da previsión meteorolóxica e da evolución das correntes para as vindeiras horas, indicando que a entrada este martes da borrasca Irene en Galicia podería contribuír a “afastar os granulados” da costa galega, tal e como avanzara xa o Observatorio Costeiro Integral de Galicia.



