
Noia vai render homenaxe ao mítico grupo Os Tamara este xoves 4 de xaneiro. Será no Coliseo Noela. As entradas aínda poden adquirirse este mércores pola noite no Coliseo até as 21.30 horas.
A lembranza do mítico grupo galego será como dixemos este xoves ás 18.30 horas, contando coa presenza de La Oca Band. O tributo, celebrado baixo o epígrafe Unha noite na eira do trigo, terá unha clara vertente solidaria: a recadación acadada irá destinada ás sedes locais das organizacións humanitarias Cáritas e Cruz Vermella.
Contarase co patrocinio da Xunta e o Concello.
Os Tamara foi un grupo fortemente vencellado á vila de Noia. Un dos seus máis ilustres integrantes, Prudencio Romo, era natural de Noia e, de feito, foi o artífice de boa parte dos maiores éxitos do grupo galego, que pasou á historia por ser a primeira agrupación que compuxo unha canción de pop en galego, Galicia, terra nosa.



