En 2023 disparáronse os encallamentos de cetáceos e outras especies nas nosas praias (con Ribeira novamente á cabeza)

03 Xaneiro 2024

A Rede de Varamentos de Galicia, activa dende 1990 da man da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), vén de facer balance dos dispositivos realizados no litoral galego no ano que vén de rematar. Segundo consta no informe, o número de encallamentos de animais mariños rexistrados en Galicia no 2023 foi de 714 exemplares de todas as especies, sendo a maioría cetáceos (86%), mais tamén tartarugas mariñas (3,5%), lobos mariños (1,7%), lontras (1,4%) e peixes (7,1%). Estas cifras supoñen un incremento espectacular con respecto a calquera ano anterior e máis do dobre da media anual situada nos 270 exemplares.

Por concellos normalmente é Ribeira o que rexistra máis frecuencia pero superan os 20 exemplares anuais Fisterra, Sanxenxo, Carnota, Porto do Son, Ferrol, O Grove, Vigo, Muros e Malpica, normalmente son concellos que rexistran un maior número ao atoparse nas bocas da ría, cara a dentro vai descendendo o número.

A maioría dos exemplares varados son de golfiño común, Delphinus delphis, máis do 63%, cun incremento tamén desta especie respecto a anos anteriores. Está seguido de arroaz, Tursiops truncatus, o rexistro desta especie duplicou a media anual dos anos anteriores. En cambio outras especies como o caldeirón, Globicephala melas, e o arroaz boto, Grampus griseus, non foron rexistrados varados.

Cabe destacar a alta presenza de cifios, algúns deles mortos por plásticos inxeridos e algunhas especies raras nestas latitudes como o arroaz pinto, Lagenorhynchus acutus.

O informe sinala que a maioría dos cetáceos apareceron varados mortos e moitos deles en avanzado estado de descomposición polo que se descoñece a causa da morte. Ademais, o 8% foron rexistrados con vida, “pero o alto número fai que as cifras sexan desorbitadas, con 46 exemplares vivos que foron reintroducidos no mar e que sobreviviron na maior parte dos casos”. No caso das tartarugas mariñas e lobos mariños foron ingresados para devolvelos ao mar rehabilitados.

Máis do 40% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo foron entregados a Rede de Varamentos para o seu estudo, e outros indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.

Incremento en decembro e cambio de tendencia

No balance sinálase tamén que o forte incremento en decembro dos encallamentos amosa “un feito puntual” definido como “varamento múltiple” onde as circunstancias do movemento dos animais e os temporal xuntan moitos corpos na costa. “Mais este feito, de máis de 40 exemplares varados en menos de 15 días e centrados na ría de Arousa, sendo grave, non é o que cambia a tendencia dos varamentos neste ano”, engade a CEMMA, apuntando que “o cambio de tendencia é, de efeito, o alto incremento da presenza dos golfiños comúns moi preto da costa no verán o que ocasionou moitos varamentos de diferente tipo”.

Agradecementos

A CEMMA quere destacar o labor das Agrupacións de Protección Civil dos concellos, axentes ambientais do Ministerio e Gardería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que colaboran estreitamente coa CEMMA na detección e na asistencia en primeira instancia aos exemplares varados.

Este balance avanza e actualiza a información introducida no boletín REVARGAL de hai uns días.

A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidade e Ministerio para a Transición Ecolóxica, mediante o proxecto REVARGAL que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Xunta de Galicia e do Ministerio para la Transición Ecolóxica, dado que as especies que manexa están protexidas. As unidades móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“En democracia no hay ideas prohibidas”. José Castro López

“En democracia no hay ideas prohibidas”. José Castro López

La escritora británica Evelyn Beatrice Hall publicó en 1906 el libro “The Friends ofVoltaire” en el que relata como entendía la tolerancia el filósofo francés y dejó para lahistoria la frase “No estoy de acuerdo con lo que dices, pero defenderé con mi vida tuderecho a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.