Ecoloxistas en Acción demanda no Xulgado á navieira que provocou a vertedura de bólas plásticas na costa galega

09 Xaneiro 2024

Ecoloxistas en Acción presentou este martes 9 de xaneior nos Xulgados de Noia unha demanda penal contra a empresa armadora propietaria do portacontedores Toconao, con bandeira de Liberia, así como contra o seu capitán. A acción xudicial, realizada da man de Plademar Muros-Noia, atribúe á empresa un presunto delito contra o ambiente e os recursos naturais pola afectación ás costas galegas dunha vertedura de millóns de pellets de plástico.

Segundo fixo saber a organización ecoloxista, “a marea de pellets xa afectou a 10 espazos protexidos da Rede Natura 2000, así como ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e o Parque Natural de Corrubedo e a numerosas zonas de costa e areais”. Na demanda evidéncianse os danos substanciais á calidade da auga, dos solos das praias e dos animais e plantas destes ecosistemas, ademais do risco de prexuízos á saúde. Os ecoloxistas lembran que os pellets de plástico (ou nurdles) son bólas de 5 mm de diámetro que “polas súas características atraen as toxinas próximas absorbéndoas como unha esponxa, o que fai que se convertan en bombas tóxicas”.

Ademais, explican, “a súa forma e tamaño serven de reclamo a numerosas especies de aves, peixes e crustáceos que os confunden con ovas e que ao inxerilos os plásticos entran na cadea trófica e con frecuencia provocan a morte do animal que deixa de comer ao ter o estómago cheo de plástico”. Ao entrar na cadea trófica, as substancias contaminantes que portan os microplásticos quedan nos tecidos dos animais. Ademais, a descomposición dos pellets xera micropartículas e nanopartículas imposíbeis de eliminar e son inxeridas polo plancto e organismos filtradores.

Caución xudicial de 10 millóns de euros

A organización ecoloxista quere asegurar que se cumpre a máxima de “quen contamina paga” e por iso, na súa demanda, pediu ao Xulgado que impoña unha caución á empresa demandada de non menos de 10 millóns de euros que permita acometer os custos de restauración. Con esta acción pretende axilizarse esta vía para evitar, di a organización, “a impunidade que acabaran por ter verteduras marítimas no pasado”. Animan ás Administracións afectadas e a outras organizacións sociais a persoarse como acusacións na causa que se abrirá en Noia.

Desde os colectivos denunciantes tamén lamentan a posición da Xunta fronte ao vertido e animan á sociedade a participar nas numerosas accións de limpeza que se veñen realizando de xeito espontáneo nas últimas semanas. De feito, Ecoloxistas en Acción está organizando unha campaña de voluntariado ambiental para a que xa se é posíbel inscribirse no formulario habilitado.

“A organización ecoloxista sinala que aínda que este episodio causado polo Toconao ten “unha dimensión sen precedentes nas nosas costas”, os pellets de plástico son un dos elementos que se veñen recollendo nas limpezas de praia desde fai anos. Por iso demanda “unha mudanza no sistema de produción e no modelo económico global, que ademais de ser profundamente inxusto, asume riscos dos que logo non se fai cargo”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.