O alumnado de 4º da ESO do Colexio Jaime Balmes de Noia visitou este mércores 17 de xaneiro o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, onde tiveron contacto directo coas relevantes liñas de traballo que desenvolve a comunidade de investigadoras e investigadores do centro. A visita organizouse en dous grupos, de 18 e 19 alumnos, que visitaron o CITIC e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, os dous edificios no Campus de Elviña da Coruña.
Durante a visita puideron coñecer as liñas de investigación desenvolvidas no CITIC e algúns dos seus proxectos. No Demostrador Tecnolóxico, varios estudantes probaron as lentes de Realidade Aumentada e o NAVE, o robot humanoide programábel cuxa tecnoloxía permite o recoñecemento facial e de voz.
A xornada continuou no laboratorio de Realidade Virtual, na que probaron o supermercado virtual, desenvolto polo investigador Manuel Lagos co obxectivo de axudar na rehabilitación de persoas con discapacidade.
O CITIC recibe regularmente a diferentes centros educativos para espertar vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e trasladar á sociedade os resultados das súas investigacións.