
O Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia vén de chamar a declarar a Tungsten San Finx, S.L., empresa concesionaria da mina de San Finx, en Lousame, como “investigada por presuntos delitos contra os recursos naturais e o ambiente”, logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina está inxectando no medio natural, niveis certificados por informes do SEPRONA e a acusación popular ambiental exercida polas confrarías de Noia e Portosín e organizacións ecoloxistas. Ecoloxistas e pósitos sinalan que “nas últimas analíticas, do pasado mes de outubro, os niveis de cadmio augas abaixo do punto de vertedura superaban 100 veces os niveis máximos permitidos pola lexislación”.
En virtude disto, o representante da empresa, Miguel Cabal Lorenzo, deberá comparecer ante o Xulgado o próximo 1 de febreiro ás 10 da maña, circunstancia que aproveitaran os colectivos ecoloxistas e do mar para demandar solucións. Unha protesta ante a negativa da empresa mineira e da Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar as verteduras que veñen propoñendo os colectivos.
“O xoves 1 concentraremonos diante do xulgado para esixir o selado de galerías e escombreiras e a retirada dos residuos mineiros acumulados no río, e rematar así coas verteduras de metais pesados“, anuncia Joám Evans, voceiro da plataforma comarcal e de Ecoloxistas en Acción.
Desde as confrarías e organizacións ecoloxistas demandan medidas para que a empresa non se dea á fuga, como recordan “que aconteceu con Sacyr en 2021 e a australiana Pivotal Metals o pasado verán”. Por iso, ademais de reclamar a Augas de Galicia que impoña o cobro do canon de control de verteduras, que cifran en 30 millóns de euros, solicitaron ante o propio Xulgado de Noia que se adopten medidas cautelares obrigando á empresa a iniciar actuación urxente para a reinundación e selado da mina.
Desde a Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx advirten que “é necesario protexer de xeito efectivo a ría fronte á contaminación por metais pesados, que suma a outros problemas recorrentes como as deficiencias no saneamento, a mala xestión da central hidroeléctrica do Tambre ou a chegada masiva de plásticos das datas recentes”.



