
A sala de exposicións da Casa da Cultura de Porto do Son acollerá até o 5 de febreiro unha importante mostra fotográfica. Trátase da exposición que expón as mellores obras presentadas á 16ª edición do Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica, impulsado pola Deputación da Coruña. A entrada é libre.
A serie gañadora, O espello de Claude, de Fuco Reyes, está acompañada na mostra da serie Adeus, de Vicente Fraga, que obtivo unha mención de honor; así como das obras finalistas de Rober de la Torre, Tete Domínguez, Agostime e Belén Lozano.
O xurado elixiu a dita serie do fotógrafo compostelán Fuco Reyes por “asumir riscos, cunha variedade de imaxes, pero mantendo a coherencia narrativa e visual no conxunto da serie, transmitindo a incerteza dos adolescentes nun mundo ao que comezan a enfrontarse”. A colección de imaxes gañadora forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo compostelán levou a cavo durante o último ano para diferentes institutos de Galicia, traballando co alumnado en obradoiros específicos.



