O Concello de Noia presentou este martes 30 de xaneiro o programa de actividades do Entroido local, que comezará o vindeiro 10 de febreiro, sábado, cunha carreira de disfraces (con saída do Concello ás 17.30 horas, e coa colaboración do Club Atletismo Noia).
A axenda proseguirá o luns 12 de Entroido, xornada na que o protagonismo recaerá na rapazada, grazas ao tradicional Concurso Infantil de Disfraces. Será a partir das 17.00 horas no Pavillón Alonso Rodríguez. Haberá agasallos para as propostas máis creativas, orixinais e divertidas. Os premios clasificaranse en tres modalidades: individual, parellas e grupos. Os mellores de cada categoría recibirán 160, 300 e 350 euros, respectivamente.
Como xa é tradición, o Mércores de Cinza (14 de febreiro) celebrarase o Enterro da Sardiña (ás 20.30), con chocolatada na rúa do Curro a partir das 19.00 horas (1€ en beneficio de Cáritas). A comitiva fúnebre acompañarase da Comparsa Os Solfamidas e da Charanga Vila de Noia.
O Venres de Piñata, 16 de febreiro, a XXXVIII edición do Rally París-Dakar porá fin ao Entroido de Noia. A saída da comitiva será da explanada de Labarta a partir das 21.00 horas. O percorrido pasará polo paseo Antón Avilés de Taramancos e as rúas Francisco Romero Blanco, Calvario e Rosalía de Castro. Actuarán a Charanga BB+ e Disco Móbil CDC.
As inscricións para o concurso e o París-Dakar pódense facer:
– Na sede electrónica do concello: noia.sedelectronica.gal
– No primeiro andar da Casa do Concello
– No teléfono 981 84 21 00 ( extensión 2031)
Haberá un Premio Especial Simpatía de 300 euros, un Premio ao Máis Choqueiro de 300 euros (só para disfraces locais) e tres mencións especiais de 100 euros cada unha.