
O Concello de Ribeira comezou as obras para crear unha senda peonil bordeando o arroio Saiñas até o paseo marítimo de Coroso. O proxecto ten un orzamento de 151233,69 euros e está integrado no marco da estratexia DUSI co-financiado nun 80% con fondos FEDER. A senda conectará a avenida da Coruña coa praia de Coroso xerando, segundo informou o Concello, “un espazo mixto, con predominio para o peón, potenciando a mobilidade alternativa e potenciando os espazos verdes para o uso cotián da veciñanza”. O novo camiño fluvial será de acceso exclusivo para viandantes e ciclistas.
Ademais, “contará con mobiliario urbano para dotalo zonas de estancia con mesas e bancos”, explicou o alcalde Luís Pérez, quen xa visitou o comezo das obras. “A senda, que terá 297 metros de lonxitude, ten como propósito a posta en valor do arroio e o seu entorno natural”.
Este desenvolvemento peonil está proposto para conectar os supermercados cos centros de estudios do bordo litoral, dous espazos que actualmente están separados pola marisma.
Asemade, realizarase unha actuación de limpeza nese entorno co propósito de recuperar e protexer o ecosistema natural de Coroso, así como poñer en valor o río mediante a incorporación dunha nova pasarela de madeira.



