Na mañá deste venres 1 de decembro, usuarios e técnicos da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos de Alzhéimer (AGADEA) achegáronse as oficinas da ABE (Asociación Boirense de Empresarios) para entregar 50 bólas decorativas elaboradas a man polas persoas participantes nos obradoiros de laborterapia que a entidade organiza na comarca. En Boiro o taller está en Abanqueiro, onde contan con 10 usuarios.
O encargado de recibir ás usuarias foi o xerente da ABE, Tomás Estévez, en representación da entidade: “Para a ABE é os seus negocios asociados é un pracer colaborar nesta iniciativa e poder contribuír a que a poboación coñeza o traballo de AGADEA na comarca”. Así mesmo, explicou que a campaña que lanza AGADEA coa colaboración da ABE “pretende fomentar a sensibilización contra a doenza a través do comercio local xa que serán, no caso de Boiro, 50 os establecementos que coloquen o adorno nestas datas navideñas”.
As 50 bólas distribuiranse aos comercios xunto co material da campaña do Nadal ata esgotar existencias e estarán colocados nos negocios o tempo que dure a campaña que comeza o vindeiro martes 5 de decembro.
Para finalizar dende a patronal de Boiro quixeron “felicitar a asociación e ás persoas usuarias polo traballo, esforzo e cariño co que realizaron os adobíos” e brindar o seu apoio e colaboración para futuras campañas.