O Plan Único da Deputación destina 881.672,19 euros a reforzar os servizos sociais dos concellos do Barbanza

28 Novembro 2023


A deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañada do equipo técnico de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, mantivo este martes unha reunión telemática con representantes dos concellos da provincia para explicar as bases do POS Social, que a institución provincial vén de aprobar no pleno do pasado venres dentro do Plan Único, e que destinará 7 millóns de euros en 2024 para reforzar os servizos e programas de axudas sociais dos concellos. Desta contía, 881.672,19 irán dar aos concellos do Barbanza.

Segundo explicou a deputada, os fondos do POS Social poderán ser destinados por cada concello a financiar as súas necesidades específicas no eido das políticas sociais: contratación de persoal técnico e administrativo adscrito aos servizos sociais municipais, axudas de emerxencia para persoas e familias en risco de exclusión social, ampliación do servizo de axuda no fogar ou servizos como xantar na casa, reforzo dos programas municipais de respiro familiar e conciliación, reforzo das axudas para persoas sen fogar ou axudas económicas para fogares en situación de pobreza enerxética son algúns dos conceptos que poden ser financiados con estes fondos para gasto social incluídos no Plan Único.

“O POS Social supón un importante apoio para impulsar programas e servizos sociais dos concellos que melloran a vida de miles de persoas de colectivos especialmente vulnerábeis, como persoas maiores, dependentes, persoas con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero ou menores”, destacou Mar García Vidal, que subliñou que os concellos poderán tramitar as súas solicitudes entre o 12 de decembro deste ano e o 14 de febreiro de 2024.

Mar García lembrou que o POS Social tivo a súa orixe en 2020, cando o goberno de Valentín González Formoso decidiu modificar as bases do Plan Único para incluír unha partida específica destinada a apoiar economicamente aos concellos ante o incremento do gasto social derivado da pandemia. “Catro anos despois supuxo un investimento de 28 millóns de euros nos concellos que serviron para reforzar a rede de protección social en toda a provincia e para pór en marcha novas iniciativas. Esta aposta continuará en 2024 con outros 7 millóns de euros”, afirmou.

Asignación de fondos do POS+2024
Comarca do Barbanza

-Boiro
(POS Social): 111.281,33
-Carnota
(POS Social): 51.575,30
-Lousame
(POS Social): 57.483,35
-Mazaricos
(POS Social): 95.065,67
-Muros
(POS Social): 70.632,06
-Noia
(POS Social): 76.024,27
-Outes
(POS Social): 73.033,26
-Pobra do Caramiñal (A)
(POS Social): 57.297,15
-Porto do Son
(POS Social): 82.761,56
-Rianxo
(POS Social): 72.793,40
-Ribeira
(POS Social): 133.724,84
Total POS Social Barbanza: 881.672,19

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...