O BNG de Dodro felicita a Anxo Angueira pola súa entrada na RAG

07 Novembro 2023

A entrada na Real Academia Galega de Anxo Angueira (Manselle, Dodro) escritor e profesor, ademais de presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi un importante motivo de celebración para o BNG local. O sábado pasado, sen ir máis lonxe, Rosa Blanco e Xoán Mariño, en nome da asemblea municipal do grupo nacionalista, transmitiu persoalmente os parabéns ao novo académico. “Para o noso municipio é unha honra ter na RAG a unha persoa como Anxo, entregada á causa das letras do noso país”, sinalaron, engadindo que “dende a súa profesión, a súa obra literaria ou até o seu labor á fronte da Fundación Rosalía de Castro, seguirá tecendo a bandeira necesaria que arborará tamén na rúa Tabernas da Coruña, na sede da Real Academia Galega”, expresou o portavoz nacionalista Xoán Bautista Mariño. No comunicado o BNG , amais das felicitacións, encargou ao novo académico unha tarefa de gran relevancia: “Sabedores de que seguirá promovendo os valores da lingua e a cultura galega e facéndoa visíbel en todos os eidos, cremos que o Día das Letras Galegas para o noso poeta Eusebio Lorenzo Baleirón está xa máis preto”. De feito, lembran, “aínda non tivo o vate de Laíño un Día das Letras desexado por todo Dodro, dende onde divulgan ano tras ano o máis prestixioso premio de poesía homónimo do país”.

Sobre Anxo Angueira

A Real Academia Galega elixiu novo académico de número o escritor e investigador Anxo Angueira (Dodro, 1961). O profesor da Universidade de Vigo, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, ocupará a vacante producida polo pasamento do poeta Salvador García Bodaño-Zunzunegui o pasado mes de marzo. Na mesma sesión foi nomeado académico de honra Takekazu Asaka (Toquio, 1952), valedor da lingua e da cultura galegas no Xapón.

Anxo Angueira é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.

Como creador literario, o académico electo é autor de algunhas obras clave das letras galegas recentes, como os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.