Ian Richard Hamilton e Elisa Alfaya inauguran este domingo a edición máis internacional e feminina do Festimaxia Lousame

04 Novembro 2023

A primeira tenente de alcaldesa de Lousame, Esteban Ares; a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo e o mago Teto presentaron este venres 3 de novembro pola mañá a oitava edición do Festimaxia Lousame 2023. Segundo fixeron saber, a axenda incluirá catro espectáculos e dous obradoiros de maxia que terán lugar na Casa da Cultura nas fins de semana de novembro e decembro. Todas as actividades serán de acceso gratuíto, previa inscrición en bandoticket.com.

Esteban Ares salientou a “enorme acollida que está a ter o Festimaxia en Lousame”. E engadiu: “A resposta da xente é magnífica, as actividades rexistran un cheo absoluto e as entradas esgótanse en pouco tempo. Todo iso motívanos a seguir traballando polo futuro do Festimaxia, pero tamén ter un padriño como o Mago Teto, sen o cal este festival non sería o mesmo”. Nisto coincidiu tamén o técnico de Cultura, Eduardo Agraso, para quen “cada unha destas oito edicións do Festimaxia foi un reto para fidelizar a este público e que os veciños sigan enchendo a Casa da Cultura”.

Agraso indicou que “cada ano buscamos facer actividades diferentes a edicións pasadas e tamén diferenciarnos doutros festivais. Por iso, este ano imos introducir segundos pases nos espectáculos que sexa posíbel e mesmo no caso de Lorena Lavand teremos ata 12 pases para 10 persoas en cada un”.

Pola súa banda, o mago Teto salientou que “o bonito é que o festival teña unha identidade propia e ver que se achega novembro e a xente xa está con ilusión e preguntando quen vai vir ao Festimaxia de Lousame”. Destacou que esta oitava edición é especial tanto pola participación de artistas internacionais como pola presenza cada vez maior de magas e ilusionistas á fronte dos espectáculos.

Programa do VII Festimaxia Lousame

-Domingo 5 de novembro, ás 12:00 horas. Obradoiro de sombras chinesas e globoflexia da man de Elisa Alfaya e Ian Richar Hamilton. Prazas cubertas.

-Domingo 5 de novembro, ás 17:30 e ás 19:00 horas. Maxia sen trucos, de Elisa Alfaya e Ian Richard Hamilton. Un espectáculo para o que xa non quedan entradas e que está dirixido a un público familiar. “É un espectáculo de participación moi dinámico, con sombras chinesas sorprendentes e unha maxia de preto que se pode seguir a través dunha gran pantalla de televisión”, sinalou o mago Teto.

-Domingo 12 de novembro. El baúl del mago, da ilusionista arxentina Lorena Lavand. “Vai ser unha forma de sacar a maxia da Casa da Cultura e levalo a unha caravana desta gran ilusionista, filla doutro ilusionista arxentino de fama mundial como foi René Lavand”, apuntou o mago na presentación.

-Sábado 18 de novembro. Enmaxiarte, do mago Dani Polo. “É o futuro da maxia galega, cun espectáculo cheo de ritmo e cunha gran posta en escena”.

-Sábado 25 de novembro. Obradoiro As matemáticas no mundo da maxia, a cargo do Mago Teto; e un segundo obradoiro sobre igualdade por mor da conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero. A maiores, inauguración da exposición: No mundo das matemáxicas.

-Domingo 3 de decembro. Espectáculo de Nadal da man do mago Cayetano Lledó. “Un espectáculo para que saquemos ese neno que levamos dentro antes do Nadal coa presenza de Santa Claus, Rudolph… moi moi recomendable”, apunta o Mago Teto.

Finalmente, outra das sorpresas deste VII Festimaxia Lousame será a figura do mago bolseiro (mago becario), de quen a organización preferiu non adiantar nada sobre cal será a súa función neste festival. A oitava edición do Festimaxia Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña. A entrada é de balde, se ben haberá que anotarse previamente, como dixemos, en bandoticket.com.

Outros artigos

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Nesta xornada Galicia continuará con inestabilidade atmosférica debido a presenza de aire frío en altura. Polo tanto, teremos ceos nubrados con chuvascos localmente treboentos durante a mañá no norte da Comunidade e sendo máis probables pola tarde no interior do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Libros y autores”. Alberto Barciela

“Libros y autores”. Alberto Barciela

En manos de una editorial inteligente, un libro o un animal pueden resultar una elegante evolución colorista. Las páginas se encuadernan para sustentar un cierto orden ideográfico y, a su vez, para soportar anaqueles de vidas y afanes. La huella genética se retrata en...