O home e único ocupante do vehículo foi reanimado polos profesionais sanitarios e trasladado en ambulancia con vida ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso cando faltaban dez minutos para a unha desta pasada madrugada, grazas ao aviso dunha persoa particular que informaba de que un coche caera ao mar en Vilanova de Arousa, onde as guindastres do peirao, na zona da lonxa. Segundo o seu relato, vía as luces prendidas e como o coche flotaba na auga, pero non vía a saír a ninguén.
A partir dese momento, desde o 112 púxose en marcha un dispositivo de rescate formado polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Vilagarcía, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil da localidade, Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén foi informado o persoal de Portos de Galicia e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambados, que se desprazaron co seu equipo de mergulladores.
Unha vez no lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que, no interior do vehículo, que se atopaba a uns 3-4 metros de profundidade, había unha persoa e, de inmediato o persoal de Salvamento derivou ao punto unha embarcación.
Con todo, tras rescatar o vehículo da auga e comprobar que unicamente había unha persoa no seu interior, os profesionais sanitarios procederon coa evacuación do varón. Conseguiron reanimalo e estabilizalo para, finalmente, poder trasladalo no vehículo sanitario ao Hospital Montecelo de Pontevedra.




