Taragoña e Leiro pecharán outubro cuns encontros participativos sobre bosques sustentábeis: as Xornadas por un Monte Vivo

13 Outubro 2023

O sábado 28 e domingo 29 de outubro celebraranse as Xornadas por un Monte Vivo en Taragoña e Leiro (Rianxo). O obxectivo será “mobilizar á cidadanía na xestión activa do territorio, visibilizar boas prácticas das comunidades de montes e inspirar a outros axentes a traballar en rede cara a unha maior sustentabilidade no aproveitamento dos seus territorios”. As xornadas veñen da man da Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo e o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que buscan dar continuidade á colaboración entre ambas entidades desde 2021 impulsando unha fin de semana ateigada de actividades abertas á participación da cidadanía.

“Estas xornadas”, explican, “queren informar á cidadanía sobre a importancia da xestión activa e custodia do territorio como garantes de sustentabilidade social, económica e ambiental, así como inspirar a outras comunidades de montes a traballar en rede cara a unha maior sustentabilidade no aproveitamento dos seus territorios”.

A orixe destes encontros está nos incendios que asolaron o territorio de Rianxo en e que motivaron a constitución da Plataforma en Defensa do Monte –formada por oito comunidades de montes de Rianxo e pola asociación Fousas ao Monte–, co obxectivo de “promover un cambio de modelo”, que na actualidade está caracterizado polos monocultivos forestais, as dificultades para levar a cabo unha xestión activa do monte e os incendios recorrentes, sinalan.

“Queremos entender as condicións específicas da contorna, promover procesos de planificación e ordenación de usos; intervencións sobre o territorio con carácter exemplar; e accións de documentación, comunicación e divulgación do proceso”, sinalan dende as entidades organizadoras das xornadas, que contan coas seguintes colaboradoras: CMVMC de Baroña; Fundación Montescola, Verdegaia e Brigadas Deseucaliptizadoras; CEP Brea Segade; IES Félix Muriel e O Baixo Ulla.

Programa

Sábado 28 de outubro no Campo Maneiro, Taragoña

-Visita guiada ao espazo demostrativo do Fieitoso dirixida polo alumnado do CEP Brea Segade

-Sesión formativa para a resinación de piñeiros

-Obradoiro sobre a transformación de madeira con serradoiro portátil

-Xantar comunitario

-Pastoreo de cabras para a limpeza de terreos

-Roteiro comunitario comentado desde O Fieitoso ata Ourille pasando por Paradela e o Castro

Barbudo

-Magosto

Domingo 29 de outubro, no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro

Traballos comunitarios, rexeneración de áreas degradadas por presencia de acacia e eucalipto

(require inscrición)

-Visita á plantación experimental de castiñeiros de Leiro

-Xantar comunitario para os voluntarios dos traballos comunitarios da mañá

-Presentación de Cando eramos sostibles, o libro do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

-Charlas-debate

-Fin de festa

Participación

A participación en todas as actividades é aberta. Porén, é precisa a inscrición para ter parte activa nos traballos comunitarios da xornada do domingo 29 de outubro e o xantar posterior. As persoas interesadas enviarán un correo electrónico a info@barbanzaecosocial.org indicando o seu nome e apelidos, data de nacemento, teléfono, email, concello de residencia, se desexa asistir ao xantar comunitario e, nese caso, alerxias ou intolerancias alimentarias.

Máis información proximamente en barbanzaecosocial.org.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

O Congreso dos Deputados aprobou  -medio século dempois da ocupación do Sáhara Occidental por Marrocos- a nacionalización de saharauís, feito que se produce en plena polémica co país norteafricano. A medida pode afectar/beneficiar a aproximadamente 80.000 persoas e os...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.