O concelleiro de Relacións Institucionais, Francisco Suárez-Puerta, e o responsábel da Axenda Urbana do Concello, Jorge González; viaxaron ata Granada para participar no II Foro Urbano de España, espazo referencial sobre desenvolvemento urbano sustentábel e innovador. Nesta edición o programa do encontro xira arredor da aplicación da Axenda Urbana Española a través dos Fondos Europeos, incluíndo os seus plans de acción a tódolos niveis, como eixo fundamental de intercambio e participación cara a un desenvolvemento urbano estratéxico, respectuoso co medio ambiente e integrado.
“O crecemento urbano sustentábel, a conservación da contorna natural, a mobilidade limpa e a promoción do turismo responsábel son algúns dos temas cruciais que nos afectan como municipio costeiro”, explicou Suárez-Puerta, quen destacou a importancia de que Ribeira participe neste Foro, xa que “constitúe unha plataforma de traballo colaborativo para todos os actores dos diferentes ámbitos de goberno; co propósito de compartir, propoñer e intercambiar ideas e boas prácticas sobre a urbanización sustentábel”.




